Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO lamenta a falta de compromiso da Xunta co emprego nas axudas do terceiro plan de rescate

  • Publicadas no DOG as axudas do terceiro plan de rescate a autónomos e pequenas empresas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as axudas do terceiro plan de rescate a autónomos e pequenas empresas, acordadas no seo do diálogo social entre a Administración, a patronal e os sindicatos. Con todo, CCOO critica o «excesivo prazo de tramitación e de xestión» e agarda que sexa compensado cunha «maior axilidade» no proceso de resolución e concesión.

11/06/2021.
Salón de peiteados | Foto: Pixabay

Salón de peiteados | Foto: Pixabay

A secretaria de Emprego, Política Social e Políticas Públicas de Protección de CCOO, Maica Bouza, lembra que o real decreto estatal que permite estas liñas de apoio foi publicado en marzo pero en Galicia comezou a debaterse en abril. E, malia se tratar de axudas de carácter urxente, «estamos xa a mediados de xuño».

Por esta razón, Bouza demanda que, a partir de agora, a xestión e a resolución «sexan o máis áxiles posible para que cumpran coa finalidade prevista». Neste sentido, a sindicalista xulga «inasumible» que o prazo de resolución se poida estender ata o 31 de decembro, xa que son axudas «consideradas de emerxencia» e a propia tramitación chega xa con atraso.

Canto ás características das axudas —que se recollen con maior exhaustividade na documentación anexa a esta nota informativa—, CCOO coida positivo que a Xunta de Galicia formule unha norma «coherente» cos dous plans anteriores, o que facilitará a tramitación para as persoas beneficiarias.

Porén, na mesma liña de coherencia, CCOO esixía garantías de mantemento de emprego —igual ca nas negociacións estatais para renovar o acordo dos ERTE—, aspecto ao que a Xunta «non foi receptiva», sinala Maica Bouza.

Por último, desde o sindicato acóllese positivamente que as axudas sexan progresivas en función dos tramos de persoal das empresas e que abrangan todos os sectores de actividade, non só os que sinalaba inicialmente o Real decreto estatal.