Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

Condena radical de CCOO á incesante violencia machista

  • Concentracións de repulsa polos últimos asasinatos machistas

Logo dun maio negro en violencia machista, cos asasinatos de seis mulleres e un menor en todo o Estado, enfrontámonos a un panorama que este mes de xuño ofrece unha peor cara, se isto é posible. Onte á noite coñeciamos que se recuperou o cadáver dunha das dúas nenas secuestradas por un pai maltratador en Canarias, Olivia, e aínda se está buscando a pequena Anna, de só un ano. Tamén o asasinato da menor Rocío en Sevilla, que ademais deixa orfo un bebé de catro meses. Nunha noite, tres vítimas máis desta incesante violencia machista.

11/06/2021.
CCOO apoia as mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego

CCOO apoia as mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego

Son cifras que nos avergoñan como sociedade. Ata onte, a Delegación de Goberno contra a Violencia de xénero, organismo estatal que rexistra este tipo de violencia contra as mulleres, sinalaba que 1095 mulleres foron asasinadas desde 2003; 17 no que levamos de ano. Igualmente, ata onte, 37 menores foron asasinados como violencia vicaria; tres este ano, incluíndo as dúas nenas canarias. 

É imposible non arrepiarse ante estas vidas truncadas. Pero é imposible, tamén, non conmoverse de maneira especial cando as vítimas son menores. Trátase da violencia vicaria, exercida polo pai contra os fillos e fillas como forma de facer dano á nai onde máis lle doe. Ningún maltratador pode ser bo pai, e isto reforza a necesidade de establecer cautelas na custodia nos casos acreditados de violencia machista, tal como recolle a recente lei de infancia e adolescencia.

O movemento feminista, a través de distintas plataformas territoriais, convoca concentracións de repulsa diante de Concellos de todo o Estado. Desde CCOO unímonos a ese berro unánime, porque é hora de unidade de acción fronte a esta violencia machista, lembrando a necesidade de garantir as medidas de seguridade e prevención pola pandemia —máscara, distancia de seguridade, etc.

Polo momento, temos confirmadas as seguintes concentracións para hoxe en Galicia:

— A Coruña: concentración ás 20 horas no Obelisco

— Santiago de Compostela: concentración ás 20 horas na praza 8 de Marzo

— Vigo: concentración ás 20:30 horas no farol de Urzáiz