Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Os comités de navantia elevan ao congreso a urxencia do dique seco na ría de Ferrol

    Os comités de empresa de Navantia en Ferrol e Fene veñen de elevar ao Congreso dos Deputados a súa reclamación para que se concreten os investimentos previstos e comprometidos polo Goberno central. Fan énfase especial na construción do dique seco cuberto, imprescindible para que os estaleiros públicos poidan asegurar o emprego e a competitividade global.

    30/06/2021.
    Concentración dos comités de Navantia Fene e Ferrol diante da Delegación do Goberno en Galicia (5/5/2021)

    Concentración dos comités de Navantia Fene e Ferrol diante da Delegación do Goberno en Galicia (5/5/2021)

    Os delegados e delegadas sindicais, que o pasado xoves lograron o apoio unánime do pleno municipal de Ferrol ás súas reivindicacións, acaban de rexistrar na Cámara Baixa a súa reclamación a través do grupo confederal de Unidas Podemos-Galicia en Común.

    No escrito, rexistrado o martes, 29 de xuño, o deputado galego Antón Gómez-Reino insta o Ministerio de Facenda —do que dependen a sociedade pública SEPI e Navantia— a que se pronuncie axiña e con total claridade se prevén a transformación completa do estaleiro de Ferrol cun dique cuberto de construción civil e militar.

    Ao tempo, demanda que se fixe un calendario de datas e investimentos para acometelo á maior brevidade, así como a definición estratéxica das inversións e prazos para as áreas de carenas e turbinas.

    Os orzamentos xerais do Estado inclúen unha dotación de 35 millóns de euros para 2021 a cargo da SEPI, destinado ao obradoiro de fabricación de subbloques de Ferrol, cunha previsión de 54,7 millóns máis para o 2022. Os investimentos totais previstos para o 2021 por parte da SEPI ascenden a 55,2 millóns de euros, cunha previsión de 62,9 millóns para o 2022.

    Porén, malia estes compromisos nos orzamentos, os comités de Navantia seguen denunciando —tal e como veñen facendo en sucesivas mobilizacións— a falta de carga de traballo e a súa incerteza sobre as actuacións concretas a desenvolver. Por iso instan as Administracións responsables a que dean certezas, porque hai xa un lustro que se coñece a necesidade do dique cuberto.