Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

O persoal do servizo de axuda no fogar de Padrón aproba por unanimidade a proposta de CCOO para lograr melloras laborais

    O persoal do servizo de axuda no fogar (SAF) de Padrón aprobou por unanimidade a plataforma reivindicativa de CCOO do Hábitat para lograr melloras tanto económicas como sociais. Desde o sindicato sinalan a importancia de seguir dignificando un servizo que durante a pandemia «demostrou ser esencial», pero que aínda padece unha «elevada» precariedade.

    16/07/2021.
    Asemblea para aprobar a plataforma de CCOO

    Asemblea para aprobar a plataforma de CCOO

    Desde CCOO do Hábitat sinalan que no sector, por culpa da precariedade, é cada vez máis difícil atopar persoal cualificado, polo que un paso «imprescindible» é a dignificación laboral que propón o sindicato.

    No caso de Padrón, xa houbo un primeiro avance o 30 de xullo do 2020, cando se asinou un acordo de melloras sociais que regula cuestións como a distribución e gozo das vacacións, a bolsa de horas ou o protocolo de ampliación de xornadas, novas contratacións e aumento horario para as xornadas parciais.

    Este achegamento foi de grande importancia para un sector moi feminizado —o 99 % das case 70 persoas do SAF padronés son mulleres— e onde abundan as xornadas parciais. Precisamente, o acordo do 2020 aumentou a xornada mínima de 25 a 30 horas semanais, o que se traduce nun aumento de máis de cen euros no salario base mensual.

    Claves da proposta de CCOO

    O vindeiro xoves, 22 de xullo, haberá unha nova reunión con Ulla Sar, a empresa concesionaria do servizo de axuda no fogar, para tentar achegar posturas baseándose nos puntos recollidos na plataforma reivindicativa de CCOO, que acaba de aprobar o persoal por unanimidade.

    CCOO propón reducir a xornada laboral anual —para facilitar o necesario descanso das traballadoras—, ampliar as licenzas e días de libre disposición, amais de fixar no calendario determinados días sinalados como festivos retribuídos.

    En materia económica, CCOO pretende garantir o poder adquisitivo cun incremento salarial revisable anualmente, acompañado doutras medidas económicas que «poñan en valor o desempeño profesional neste servizo esencial e en todo o sector».