Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

CCOO exponlle á patronal galega a súa visión sobre a situación do ferrocarril en Galicia e as principais necesidades

    Unha delegación do sector Ferroviario de CCOO vén de reunirse coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) para expoñerlle á patronal galega a súa visión sobre a situación do ferrocarril no noso país e as actuacións que cumpriría acometer para mellorar o servizo. Debido a que o 2021 foi declarado Ano Europeo do Ferrocarril e a Comisión Europea ten previsto destinar fondos para mellorar a rede en toda Europa, o sindicato elaborou un documento no que recolle as principais necesidades e propostas da organización, que lle achegou á CEG nesta xuntanza.

    20/07/2021.
    Reunión da delegación de CCOO coa CEG para tratar a situación do ferrocarril en Galicia

    Reunión da delegación de CCOO coa CEG para tratar a situación do ferrocarril en Galicia

    Co obxectivo de dar resposta ás necesidades da poboación e das empresas, CCOO pide destinar fondos á mellora dos trazados, a construción de variantes e a electrificación das liñas que aínda non o están, co obxectivo de mellorar tempos e frecuencias.

    Entre os investimentos estratéxicos para Galicia, CCOO salienta a mellora das conexións cos portos, necesarias para incrementar a intermodalidade no transporte de mercadorías, e harmonizar o eixe atlántico ferroviario entre Ferrol e a fronteira portuguesa —para axilizar o traxecto e aumentar o tráfico de mercadorías—; para isto será precisa a coordinación entre os Gobernos de España e Portugal.

    Respecto dos trens de viaxeiros, CCOO defende un modelo de rede de proximidade que atenda núcleos de poboación de crecemento urbano e interurbano, potenciando a intermodalidade con outros medios de transporte de forma adecuada e eficaz. Para isto, habería que crear un consorcio de transportes —no cal se articulen os mecanismos para un sistema de tarifación integrado de todos os modos de transporte intermodais— e a ampliación da tarxeta de transporte metropolitano para todo o ámbito de Galicia.

    Reposición de servizos

    Outra das cuestións que CCOO expuxo nesta reunión foi a necesidade de que se repoñan os servizos ferroviarios suprimidos desde o comezo da pandemia. Actualmente só funcionan o 25 % dos servizos de media distancia en ancho métrico, o 50 % en servizos de media distancia de ancho convencional e o 80 % no corredor atlántico entre A Coruña e Vigo. Tamén minguaron as conexións entre Madrid e Barcelona, coa supresión do tren hotel.

    Por último, Comisións pediulle á CEG que faga xestións para lograr que os trens de longa distancia Vigo-Madrid que usen a variante de Conxo —en Santiago de Compostela— fagan unha parada en Vilagarcía de Arousa. Isto só aumentaría en cinco minutos un traxecto de cinco horas, a cambio de dar servizo á comarca de Arousa, con máis de cen mil habitantes, así como ás persoas que escollan a zona como destino turístico.