Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Xuntanza de traballo de CCOO coa asociación para recuperación da memoria histórica do Baixo Miño

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, e a secretaria comarcal de Vigo, Montserrat Carrera, mantiveron a pasada semana unha xuntanza de traballo co presidente da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e a Fosa Común de Sestás, José Manuel Domínguez Freitas. Esta entidade foi constituída hai ano e medio co impulso, entre outras, de diversas persoas vinculadas ás Comisións Obreiras.

    19/08/2021.
    No centro, Amelia Pérez e Montserrat Carrera

    No centro, Amelia Pérez e Montserrat Carrera

    Son fins principais desta asociación crear en Camposancos (A Guarda) un centro de interpretación dos campos de concentración franquistas para investigar, divulgar e visualizar o drama da Guerra Civil e a ocultación destes feitos durante a ditadura.

    Tamén, realizar actividades de investigación e divulgación sobre a represión franquista, así como restituír a memoria das vítimas e colaborar na súa exhumación e identificación. Asemade, servir de plataforma de encontro, estudo e información para persoas investigadoras, vítimas, familiares, entidades e organismos interesados neste ámbito, entre outros.

    Na xuntanza, CCOO reiterou a súa vontade de colaborar coa asociación no cumprimento dos seus obxectivos xerais, así como no plan de traballo previsto para os próximos meses, que se fará público no mes de setembro.

    Tal é a implicación de CCOO con esta causa que non só diversas persoas vinculadas ao sindicato teñen a condición de socias fundadoras, senón que tamén están asociadas —en calidade de persoas xurídicas— a Unión Comarcal de CCOO de Vigo, o Sindicato Comarcal de Pensionistas e Xubilados de CCOO de Vigo e incluso a Fundación Juan Muñiz Zapico —de CCOO de Asturias, pois neste campo de concentración houbo numerosos presos asturianos.

    Ligazóns relacionadas
    Ligazóns relacionadas