Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO-Industria urxe a Xunta e o Goberno a priorizar as renovables para frear a destrución de empregos e o «disparatado» prezo da luz

  • O sindicato esixe o fomento das enerxías renovables, apostando polo compoñente local e priorizando a solución laboral ante unha transición enerxética inxusta

A Federación de Industria de CCOO de Galicia insta a Xunta e o Goberno central a que exerzan as súas competencias e aceleren a posta en marcha de instalacións renovables. Para o sindicato, esta é a ferramenta axeitada para amortecer a perda de emprego derivada dunha transición enerxética mal planificada e poñer freo ao «disparatado» prezo da luz. 

23/08/2021.
Parque eólico

Parque eólico

«A transición enerxética no Estado dista moito de ser xusta para as traballadoras e traballadores que están a padecer as súas consecuencias», denuncia CCOO. O sindicato lembra a destrución de empregos que se produciu, así como a «incerteza polo futuro que agarda» como consecuencia «da desorde e das sucesivas contradicións» nas decisións políticas.

Para CCOO, o Goberno central errou, xa que antes de promover novos escenarios de produción enerxética sustentable, «desmantelou anticipadamente as fontes de xeración tradicionais». Isto traduciuse na alza dos prezos da enerxía eléctrica, que rexistran acotío cifras récord «cuxas consecuencias asumen familias e empresas».

CCOO-Industria defende que a solución pasa por «acelerar ao máximo» a posta en marcha de instalacións de enerxías renovables. Isto permitiría, en primeiro lugar, a absorción do emprego destruído. A instalación de novos parques ha estar vinculada a proxectos que impliquen a fabricación de compoñentes ou elementos auxiliares, «priorizando a clave local para evitar a desertización territorial», sinala o sindicato.

En segundo lugar, a aposta polas renovables supón asegurar que a fixación dos prezos non a determinen as fontes de enerxía cun custo de produción máis elevado —como o gas natural—, o que reduciría os prezos medios da electricidade ao relegar as fontes de xeración máis caras.

Comisións tamén urxe a lexislar a modificación do mercado almacenista da electricidade e acelerar o anteproxecto de corrección do dividendo do dióxido de carbono (CO2) a través dun decreto lei, reclamando a liquidación dos custos de transición á competencia (CTCS) das eléctricas e potenciando o mercado de capacidade para unha maior seguridade de subministración.

«É imprescindible que Xunta e Goberno central, tanto o señor Feijóo como a ministra Ribera, entendan a urxencia de crear unha empresa pública da enerxía para intervir no sector», sinala Víctor Ledo, secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia.

Por último, CCOO insta a todas as forzas políticas «a deixar á marxe a confrontación e traballar axiña na solución do problema enerxético», do que depende a boa marcha da economía xeral.

Audios asociados

Declaracións de Víctor Ledo, secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia