Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

O comité da planta de lixo de Lousame reclama a intervención da Xunta para garantir o modelo actual fronte ao de Sogama

    O comité da planta de tratamento e recollida de lixo da Mancomunidade da Serra do Barbanza reclama a intervención da Xunta de Galicia para garantir o modelo actual fronte ao de Sogama. Con este obxectivo, CCOO, UGT e CIG convocan unha manifestación en Porto do Son o próximo domingo, 29 de agosto. Segundo explicaron esta mañá os representantes sindicais, a planta, situada en Lousame e xestionada por FCC, arrastra diversas eivas debido á «falta de xestión» por parte dos concellos que integran o ente supramunicipal, o que pon en perigo o futuro das 160 traballadoras e traballadores.

    26/08/2021.
    Ricardo Santos, de CCOO do Hábitat (der.), intervén na conferencia de prensa en defensa da planta de Lousame

    Ricardo Santos, de CCOO do Hábitat (der.), intervén na conferencia de prensa en defensa da planta de Lousame

    A Mancomunidade está integrada polos concellos de Lousame, Muros, Porto do Son, Noia, Brión e Carnota. A planta de reciclaxe presta servizo aos seis, así como a outros tres que están adheridos: Pontecesures, Rois e Ames. En total, unha área con máis de 86.000 habitantes.

    Os sindicatos reprochan que os concellos que conforman a Mancomunidade non crearon unha estrutura, en particular a figura da xerencia, limitándose a unha presidencia rotatoria dun ano; do labor diario de xestión —facturas, investimentos ou seguimento do contrato— encárganse os secretarios ou secretarias municipais. «O traballo dunha planta destas dimensións fai preciso que estea á fronte unha persoa con dedicación total e perdurable no tempo», apuntou Ricardo Santos, responsable comarcal de CCOO do Hábitat.

    Desleixo na xestión

    Alén da falta de xestión, outro problema é a falta de investimentos, tanto nas instalacións coma noutros equipamentos, así como a «xudicialización de toda a relación coa empresa», que levou a unha acumulación de xuízos perdidos pola Mancomunidade nos últimos anos.

    Como exemplo do desleixo na xestión, os traballadores e traballadoras refiren o estado dos camións. Segundo o contrato asinado con FCC, tiñan unha duración prevista de dez anos e a Mancomunidade debía asumir a renovación. «Pasados dez anos decatáronse de que non fixeran a previsión de fondos para os camións». En consecuencia, estanse empregando vehículos máis vellos do previsto, que acumulan desgaste e avarías.

    As instalacións, que teñen xa vinte anos, precisan unha actualización. Por exemplo, o vertedoiro está sobrepasado, con 25.000 toneladas máis das que estaban previstas cando foi deseñado. Está pendente o seu selado e a apertura da última cela, «o que lle daría para dous anos máis, sen que polo momento haxa autorización para facer un novo», explican os traballadores.

    A ameaza de Sogama

    O novo concurso para a xestión da planta está previsto para o 2023. O temor do persoal é que as instalacións se convertan nunha simple planta de transferencia para Sogama. En Lousame só se faría unha selección básica, levando o resto dos residuos a Cerceda para a súa incineración.

    Ante isto, Ricardo Santos lembra que a planta de Lousame conta cunha separación de residuos cinco punto superior á media e que o seu modelo está avalado pola Unión Europea, non así o de Sogama. «Cambiando o modelo de Lousame estariamos cada vez máis lonxe de cumprir cos obxectivos que fixa Europa, amais de destruír emprego».

    Manifestación

    A xornada de mobilización do domingo comezará cunha caravana de coches ás 11:00 que partirá do porto deportivo de Portosín e rematará en Porto do Son. A seguir, ás 12:00, unha manifestación partirá da igrexa de Noal e rematará diante da casa consistorial sonense.