Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

Amelia Pérez: «As Administracións téñense que poñer de acordo, non poden abandonar Ferrol á súa sorte»

    Hoxe ten lugar en Ferrol a primeira da rolda de reunións entre a nova Comisión Executiva Nacional de CCOO e as unións comarcais do sindicato para coñecer de preto a situación sindical e laboral local. Segundo a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, a primeira destas xuntanzas prodúcese na cidade naval pola grave situación da bisbarra ferrolá.

    30/08/2021.

    URL | Código para insertar

    Amelia Pérez e José Hurtado atenderon os medios de comunicación na sede comarcal de CCOO

    Amelia Pérez e José Hurtado atenderon os medios de comunicación na sede comarcal de CCOO

    «A primeira xuntanza tiña que ser en Ferrol pola situación de desmantelamento industrial que está a padecer a comarca e que implica un declive social, económico e demográfico», sinalou Pérez en declaracións aos medios de comunicación. Malia apuntar que a situación «non vén de agora», si censurou que actualmente é «insostible».

    Para a dirixente sindical, as Administracións competentes na materia téñense que poñer de acordo. «Tanto nos teñen as cores políticas, porque non poden andar pasando a bóla entre elas», reprochou Pérez.

    Nos últimos anos, a comarca de Ferrol perdeu poboación «a pasos axigantados», pero tamén perde industria e servizos. «Non se pode abandonar unha comarca á súa sorte; as Administración débenlles á cidadanía e aos traballadores poñerse de acordo», insistiu a sindicalista.

    Na xuntanza de hoxe entre as direccións nacional e comarcal de CCOO «estamos marcando os pasos a dar a partir de setembro», explicou Pérez. «O cambio de modelo produtivo, de transición ecolóxica e dixital, non pode levar aparellado que quede alguén atrás», advertiu a secretaria xeral. «Son traballadores e traballadoras con nomes e apelidos, con fillos», apuntou a sindicalista.

    Unha comarca lastrada polos peches

    «Estamos a traballar na posta en común e trazando unha folla de ruta para este outono porque cómpre mobilizarse conxuntamente co resto de centrais para frear a perda de tecido industrial da comarca», manifestou pola súa parte José Hurtado, secretario comarcal de CCOO Ferrol.

    O sindicalista salientou a importancia desta primeira visita da Executiva Nacional a un territorio, «poñendo claramente o foco en Ferrolterra» pola complexidade da situación. A comarca vese lastrada polo anuncio do peche de Endesa As Pontes e a perda de emprego nas auxiliares; a falta de carga de traballo no naval da ría; os peches de Gamesa nas Somozas, de Poligal, de Noa Madera...

    Tamén pola destrución de emprego causada por varias cadeas multinacionais e firmas que alimentaban o comercio local —como Mango ou Zara Home—; os despedimentos en Cándido Hermida ou a sucesión de ERE e ERTE en ducias de pequenas e medianas empresas, como o ERE extintivo de Maessa que deixará na rúa case medio cento de persoas.