Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

Navantia aforra máis de trinta millóns ao demorar a convocatoria de emprego, denuncia CCOO

    CCOO denuncia que Navantia aforra 30 millóns en salarios ao demorar as convocatorias de emprego previstas no plan industrial. Para o sindicato, a dirección da empresa pública «non ten escusa» para este incumprimento, que pode atrancar o obxectivo de incorporar medio milleiro de mozas e mozos ao sector naval.

    03/09/2021.
    Pancarta reivindicando investimentos en Navantia e futuro na comarca de Ferrol (27/5/2021)

    Pancarta reivindicando investimentos en Navantia e futuro na comarca de Ferrol (27/5/2021)

    Tanto a sección sindical de CCOO como a Federación de Industria do sindicato lembran que o compromiso de crear novas prazas foi adquirido en 2018, co obxectivo de rexuvenecer o cadro de persoal nos estaleiros da ría de Ferrol.

    Nunha comarca tan castigada pola crise industrial, con taxas de desemprego «insoportables» e coa mocidade «marchando na procura de mellor futuro», CCOO coida inadmisible que estean sen convocar máis de 500 prazas en Navantia.

    «Estamos a falar de empregos dignos e de calidade», apuntan desde Comisións, que critican a estratexia da empresa pública para aforrar o investimento en salarios previsto no plan industrial. Deste total, uns seis millóns corresponderían ao ano 2019, doce ao 2020 e dezanove no actual 2021. «Millóns de euros que non se van inxectar na economía local», matiza CCOO.

    Por todo isto, CCOO insta a comisión local de emprego a «esixir xa» a convocatoria das prazas pendentes dos anos 2019, 2020 e 2021, «aparcando definitivamente calquera tipo de estratexia ou interese que as entorpeza».

    Ademais, o sindicato esixe que no 2022 se realicen «todas as incorporacións pendentes na ría de Ferrol», pois, de persistir o bloqueo, «corremos o risco de iniciar a fabricación das fragatas F-110 sen persoal coa experiencia precisa».