Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

Os sindicatos urxen o Concello de Ferrol a ser «parte activa» na defensa do emprego na comarca

  • «Estamos no tempo de desconto e o goberno de Ángel Mato leva meses sen mover ficha, cunha absoluta pasividade mentres se destrúen empregos», lamentan

13/09/2021.
Casa consistorial de Ferrol | Foto: Google S. View

Casa consistorial de Ferrol | Foto: Google S. View

CCOO, UGT e CIG urxen o goberno local de Ferrol a que «dunha vez» tome «parte activa» na defensa do emprego na comarca. Lembran que «estamos no tempo de desconto» e lamentan que o equipo de Ángel Mato leve meses «sen mover ficha, cunha absoluta pasividade mentres se destrúen empregos», lamentan.

«O alcalde de Ferrol ten que estar do lado da cidadanía e dar a batalla ante o Goberno central para tratar de poñer freo a esta sangría industrial e no pequeno comercio que nos deixa cifras de desemprego durísimas cos peches de Endesa, Gamesa, o despedimento colectivo de Maessa, Noa, Poligal, etc.», sinalan.

Os tres sindicatos lembran que no mes de xullo, e da man do tecido empresarial de Ferrolterra, pediron por escrito a mediación do delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde, co obxecto de fixar á maior brevidade xuntanzas coas ministras de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, e coa responsable de Industria, Reyes Maroto, ante a severidade da emerxencia industrial da nosa comarca.

«Non tivemos resposta nin data nin horizonte. A resposta que merecen os miles de veciños e veciñas desta comarca», sinalan as tres centrais.

A xuntanza con Miñones foi solicitada por escrito á Delegación do Goberno o 8 de xullo e segue pendente. No escrito, que tamen foi dirixido as ministras Calviño e Maroto, así como ao conselleiro de Economía e Industria da Xunta, Francisco Conde, os sindicatos facían unha diagnose coincidente da situación de Ferrolterra froito das distintas xuntanzas coa patronal e os partidos políticos.

«Acordamos unir forzas e priorizar diversas actuacións que consideramos vitais para a supervivencia da nosa comarca, isto é, dos territorios e dos máis de vinte municipios que conforman Ferrol, Eume e Ortegal. O obxectivo é expor as nosas conclusións e prioridades, tanto no que afectan á súa responsabilidade como a de outras Administracións», sinalan CCOO, UGT e CIG, que demandan maior implicación do Concello nesta batalla.