Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

A mobilidade debe ser sostible, saudable, segura e sempre equitativa

    A Semana Europea da Mobilidade Sostible é un bo momento para reflexionar sobre de onde partimos, onde queremos chegar e como faremos para chegar con éxito ao noso destino. É dicir, para que os desprazamentos ao traballo sexan sostibles, saudables e seguros, como reza o slogan da semana da mobilidade deste ano, e nós engadimos equitativos, como defendemos sindicalmente.

    16/09/2021.
    Semana europea da mobilidade sostible

    Semana europea da mobilidade sostible

    Sen dúbida, esta semana —coma a anterior— vén marcada polas consecuencias da COVID-19 que deixou a súa pegada na mobilidade, principalmente reducíndoa, invertendo algunhas tendencias ou, mellor dito, afectando a algúns modos máis ca a outros. A saber, a máis pronta recuperación do uso do vehículo privado, o aumento moi salientable da mobilidade activa, a pé e en bicicleta, e a lenta e serodia recuperación do transporte público.

    Factores como a distancia de seguridade entre persoas para evitar o contaxio e o rexeitamento ás concentracións de xente nun mesmo espazo conduciron, a quen ten a opción de facelo, a este dispar dilema á hora de optar entre un modo ou outro de mobilidade.

    Unha das tarefas destacadas que nos debemos marcar como sindicato sensible a estes temas é a recuperación e posterior aumento das persoas usuarias do transporte público. Dar confianza en termos sanitarios, pero tamén confianza nos servizos mellorándoos e ampliándoos, o que é un bo antídoto para frear o descenso que se produciu e pasar decontado a remontalo. O transporte público adaptado ás necesidades laborais, para que sexa útil para estes traxectos, é aínda unha materia pendente que axiña debemos aprobar entre todos e todas. Escusamos dicir que nos terán a nós traballando para que isto se converta en realidade.

    A crise sanitaria impulsou os desprazamentos a pé e en bicicleta, pero aínda estamos lonxe de que sexan os principais modos para os desprazamentos ao traballo en todo ou parte do traxecto. Sen dúbida, estes deben ser os desprazamentos prioritarios porque son os máis sostibles e saudables, física e mentalmente, e, xa que son os máis vulnerables, debemos garantir que sexan tamén os máis seguros e cómodos. A máxima proximidade posible entre o lugar de residencia e o lugar de traballo é un factor relevante, pero tamén as condicións óptimas dos itinerarios son claves para que esta modalidade, xunto co transporte público, sexan os protagonistas das nosas viaxes cotiás ao traballo.

    Aquí é conveniente lembrar que o modelo de mobilidade baseado nos desprazamentos ao traballo en vehículo privado motorizado é excluínte e discriminatorio. Se non o posúes, pódese dar o caso de non poder optar a postos de traballo onde a única opción é chegar con estes vehículos privados. Ou ben as persoas traballadoras deben facer un sobreesforzo económico para adquirir un vehículo e usalo acotío. Isto mingua a economía persoal e familiar daquelas persoas que xa teñen menos.

    A equidade social en mobilidade debe terse en conta ao ser unha cuestión transversal aos lemas escollidos para este ano. É ben sabido que a sostibilidade, a saúde e a seguridade en mobilidade tamén dependen da vertente social, algo que, como sindicato, non debemos esquecer e que, como xa facemos en xeral, diariamente debemos continuar traballando para disipar estas diferenzas sociais. É, xustamente, na mobilidade onde se evidencia esta distancia social e asemade é un dos campos de batalla onde se pode neutralizar a exclusión para acadar unha maior equidade entre persoas. Non hai sostibilidade, saúde e seguridade sen inclusión social, pois esta é unha condición absolutamente necesaria para alcanzar os obxectivos da Semana Europea da Mobilidade Sostible 2021.

    Igualmente, a inclusión social depende de que se garanta a mobilidade segura e cómoda das persoas con mobilidade reducida. Esta tamén debe ser unha loita compartida polo sindicalismo. A non accesibilidade deste colectivo vai en contra da igualdade de oportunidades de optar a un posto de traballo, converténdose nunha discriminación flagrante que debemos denunciar e propoñer alternativas.

    Este modelo de mobilidade tamén lastra as oportunidades da nosa mocidade xa desde a etapa formativa, ao non lle permitir acceder aos centros de traballo onde poderían facer as súas prácticas profesionais. E cando poden entrar ao mercado laboral, volven topar con este obstáculo: o desprazamento aos centros de traballo réstalles oportunidades laborais se carecen de vehículo de seu.

    Do mesmo xeito, o uso diferencial dos modos de mobilidade entre homes e mulleres prexudica a estas últimas cando o modo predominante para desprazarse ao traballo é o vehículo privado motorizado. Daquela, defender a igualdade de xénero é tamén sinónimo de defender o dereito á mobilidade sostible e de acceso universal.

    Unha consecuencia ineludible do modelo de mobilidade laboral e as condicións de traballo máis precarias son os accidentes in itinere, os que se producen á ida e á volta do centro de traballo. Accidentes de traballo que, ademais de ser dos máis graves, non paran de aumentar nos últimos anos, chegando a representar arredor dun 10 % do total de accidentes de traballo e o 20 % dos mortais. Este claro fracaso da acción preventiva en saúde laboral debe ser acometido con contundencia. E non hai unha forma máis determinante de prevención que facilitar os desprazamentos ao traballo nos modos máis seguros, como é o transporte público, e nos máis saudables e sostibles, como é a mobilidade activa.

    A evidencia da crise climática, intimamente relacionada co modelo de mobilidade aínda predominante para desprazarse ao traballo, urxe actuacións encamiñadas a descarbonizar o transporte. Neste ámbito, sindicalmente falando, tamén debemos exercer un papel destacado, tanto na loita contra os factores que o provocan —tendo presente aquela máxima que di que «non haberá empregos nun planeta morto»— como en garantir unha transición xusta para as persoas traballadoras actualmente ocupadas en sectores do transporte intensivos en emisións de CO2 e que deben transformarse. O que vén a significar a electrificación do transporte, tanto privado coma público, como parte da solución ao problema das emisións.

    A implantación das zonas de baixas emisións, como establece a Lei de cambio climático e transición enerxética, que deben implantarse antes de 2023 nas cidades de 50 000 habitantes ou de 20 000 cando a situación de contaminación o requira, demanda un esforzo suplementario e inminente na oferta dunha alternativa útil en modos sostibles a aqueles desprazamentos ao traballo que se vexan afectados.

    Isto non debe facernos esquecer a imprescindible mellora do transporte na España baleirada, do cal depende en gran medida a súa vertebración interna e co seu contorno e o poder estar en condicións de igualdade coa España urbana. Para iso hai que organizar o territorio cunha rede de transporte suficiente e eficaz, baseada na combinación de ferrocarril e servizos regulares e rápidos de autobús como transporte estruturante e, para a capilaridade, a extensión de modalidades como o transporte á demanda. Sen dúbida, esta é unha conta pendente que a sociedade ten cunha gran parte do territorio, porque resolver o déficit de acceso a unha mobilidade sostible ten grande influencia para o seu desenvolvemento e isto leva consigo potencial para reter e xerar emprego de calidade. Sindicalmente falando, reverter esta situación é algo que cómpre poñer como obxectivo, e debemos estar coa sociedade que reclama estas medidas e políticas.

    Fronte a estes retos sindicais, debemos aproveitar esta Semana da Mobilidade Sostible para poñérmonos tarefas en mobilidade para este ano que temos por diante. Non será doado, pero de cara a setembro de 2022, ben seguro que poderemos explicar os avances que fomos acadando no transcurso do ano.

    Así pois, concluíndo este ano, coma nos precedentes e nos vindeiros, reafirmámonos como sindicato preocupado e ocupado en defender e mellorar as condicións de traballo das persoas traballadoras, é dicir, en seguir firmemente comprometidos en promover a mobilidade sostible, saudable e segura e, engadimos con convencemento, equitativa, mediante a acción sindical, a concertación social e a negociación colectiva. Pero, xaora, tamén estaremos atentos a como queda a anunciada Lei de mobilidade sostible e financiamento do transporte público, que esperamos incorpore políticas e medidas para esa mobilidade que necesitamos.