Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

A Xustiza vólvelle dar a razón a CCOO e recoñece a relación laboral de 250 falsos autónomos de Frigolouro no Porriño

  • A demanda para esixir o recoñecemento da relación laboral foi interposta por CCOO-Industria e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social

Os servizos xurídicos de CCOO acaban de gañar unha nova demanda contra o uso de falsos autónomos no sector cárnico. Desta vez recoñécese a relación laboral entre 250 falsos autónomos e a empresa Frigolouro no Porriño, do Grupo Coren. O Xulgado do Social número 2 de Vigo foi o encargado de emitir a sentenza, atendendo a demanda formulada pola Federación de Industria de CCOO e da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

17/09/2021.
A sentenza do Xulgado do Social n.º 2 de Vigo deixa claro que CCOO foi o único sindicato denunciante

A sentenza do Xulgado do Social n.º 2 de Vigo deixa claro que CCOO foi o único sindicato denunciante

Para CCOO-Industria, ao longo da sentenza «demóstrase a fraude» perpetrada por Servicarne, a suposta cooperativa da cal formaban parte os falsos autónomos que prestaban servizos en Frigolouro. Nos últimos anos, os servizos xurídicos do sindicato lograron que diversas sentenzas en Galicia ratificaran esta tese.

Esta nova resolución xudicial, datada en Vigo o 15 de setembro, bota por terra os argumentos das partes denunciadas —a falsa cooperativa Servicarne e Frigolouro—. «En consecuencia, con todo o argumentado, atopámonos ante un verdadeiro contrato laboral entre os traballadores que forman parte da cooperativa de Servicarne e Frigolouro, que é quen actúa como verdadeiro empresario», apunta a sentenza.

CCOO-Industria defendeu no xuízo que os 250 supostos cooperativistas non eran tal, senón que recibían instrucións por parte de Frigolouro, que para todos os efectos era a súa empresa empregadora. De aí que o xulgado vigués declare na sentenza que «é de carácter laboral a relación que existe entre Industrias Frigoríficas del Louro, S. A., por un lado, e os traballadores» referenciados na sentenza.

Desde CCOO-Industria aplauden a resolución xudicial, contra a que cabe recurso de suplicación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e anuncian unha asemblea proximamente para informar o persoal sobre esta sentenza e próximos pasos que han seguir.

Segunda sentenza contra Frigolouro este verán

A coñecida esta semana é a segunda sentenza contra o uso de falsos autónomos en Frigolouro que chega no que vai de verán. A mediados de xullo, o Xulgado do Social número 1 de Lugo tamén lle daba a razón a CCOO e declaraba a relación laboral entre 105 falsos autónomos de Servicarne e as empresas Novafrigsa e Frigolouro, ambas as dúas do Grupo Coren.

Tanto naquel caso coma neste, as sentenzas abren a porta a reclamacións millonarias en concepto de cotizacións á seguridade social e diferenzas salariais.