Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

Acordo para a suba do SMI en 2021, que beneficiará as traballadoras e traballadores máis precarios

    O Ministerio de Traballo e Economía Social e os responsables das organizacións sindicais CCOO e UGT alcanzaron no seo do diálogo social estatal un acordo para incrementar o salario mínimo interprofesional (SMI). A suba pactada, con efectos retroactivos desde o pasado 1 de setembro, será de 15 euros mensuais (en torno ao 1,6%). Trátase do segundo incremento desde o inicio da lexislatura e mantense o obxectivo de que o SMI chegue ao 60% do salario medio ao rematar en 2023.

    17/09/2021.
    A suba do SMI beneficiará as traballadoras e traballadores dos sectores máis precarios

    A suba do SMI beneficiará as traballadoras e traballadores dos sectores máis precarios

    Comisión asesora

    O ditame da Comisión Asesora para a Análise do Salario Mínimo Interprofesional propuña aumentalo nunha contía situada entre 12 e 19 euros mensuais, cun valor central de 15 euros en 2021, de maneira que ao rematar a lexislatura (en 2023) se sitúe nun máximo de 1049 euros mensuais.

    Este acordo é resultado diálogo social estatal que se iniciou o 1 de setembro na mesa específica á que os axentes sociais foron convocados polo Ministerio de Traballo e Economía Social.

    Importante para Galicia

    O incremento do SMI beneficia as traballadoras e os traballadores dos sectores máis precarios e, de xeito singular, as mulleres e a mocidade. Tanto as persoas mozas como as mulleres padecen a peor cara dun mercado de traballo en que abundan os contratos temporais e a xornada parcial, o que ten consecuencias directas en prestacións como o desemprego ou a pensión futura.

    Dado que a contía da pensión de xubilación está directamente relacionada coas cotizacións durante a vida laboral, a suba do SMI é de grande importancia en Galicia, xa que na nosa comunidade autónomas temos unhas das pensións máis baixas de todo o estado. Segundo os datos do Observatorio social de las personas mayores (editado por CCOO), as pensións de xubilación en Galicia son as segundas máis baixas de todo o Estado, só por detrás de Estremadura.