Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

O persoal do SPIF denuncia a precariedade laboral do servizo de prevención de incendios

    As traballadoras e traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) protagonizaron unha semana de mobilizacións. Os comités de empresa da Consellaría do Medio Rural nas catro provincias denuncian a «gravísima» precariedade laboral e inseguridade xurídica que padece este colectivo profesional.

    23/09/2021.
    Concentración do SPIF en Lugo

    Concentración do SPIF en Lugo

    Actualmente, preto de mil traballadores e traballadoras do SPIF teñen contratos de só seis meses ao ano. Isto «atenta directamente contra a profesionalización do dispositivo» e impide alcanzar os obxectivos de prevención de incendios forestais, amais de «reducir a operatividade» dun servizo esencial, sinala CCOO.

    Os comités de Medio Rural critican que a Xunta esqueza os máis de 600 traballadores e traballadoras fixos-descontinuos con contratos de nove meses, situación na que levan máis dunha década. De feito, agora, en pleno período de alto risco de incendios, aínda están sen cubrir moitas prazas, o que, unido á falta de cobertura de incapacidades temporais, permisos ou licenzas, «diminúe a capacidade de resposta do dispositivo».

    Por todo isto, esta semana houbo concencentracións diante das delegacións da Consellaría en Lugo e Ourense os días 21 e 22, respectivamente, e este xoves diante da sede central da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela, á cal acudiron os comités da Coruña e de Pontevedra.