Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO coida «imprescindible» investir na formación para que Galicia suba ao tren da economía circular

  • Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO: «non podemos circunscribir a economía circular exclusivamente ao ámbito económico e do beneficio puro e duro, porque nos afecta a todas e a todos»

Comisións Obreiras coida «imprescindible» investir na formación e na capacitación profesional para que Galicia suba de xeito competitivo ao tren da economía circular. Así o sentenciou a secretaria xeral, Amelia Pérez, na clausura da xornada monográfica que o sindicato organizou hoxe en Santiago de Compostela, coa participación de especialistas de diferentes ámbitos. «O gran reto que formula a economía circular é converter o coñecemento, e non a explotación de recursos limitados, na materia prima básica de todo o sistema produtivo», abundou Pérez.

29/09/2021.
No centro, Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO, xunto a Víctor Ledo (CCOO-Industria) e Francisco Méndez (secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade)

No centro, Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO, xunto a Víctor Ledo (CCOO-Industria) e Francisco Méndez (secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade)

Segundo a análise da secretaria xeral de CCOO, «non podemos circunscribir a economía circular exclusivamente ao ámbito económico e do beneficio puro e duro», xa que é unha cuestión «que nos afecta a todas e a todos, no ámbito laboral e tamén nas nosas casas», incidiu.

Esta modernización, paralela aos procesos de transición dixital e ecolóxica, levará consigo un proceso de destrución de emprego en moitas empresas, polo que a formación será un elemento «indispensable para unha transición xusta, social e sostible que non deixe ninguén atrás», concluíu a secretaria xeral de CCOO.

Cambio de mentalidade

O secretario de Cambio de Modelo Produtivo de Sostibilidade de CCOO de Galicia, Francisco Méndez, salientou a importancia deste tipo de xornadas porque o noso país debe anticiparse aos procesos de cambio e facelo en situación competitiva.

A situación económica actual, marcada pola escaseza de recursos naturais, a dificultade para xestionar o crecente volume de residuos, o encarecemento das materias primas e o «desorbitado» prezo da luz, demostran que a economía circular «é de imperiosa necesidade».

Se as sociedades economicamente desenvolvidas «queren soster a súa existencia tal e como a coñecemos», cómpre un «cambio social e de mentalidade», principalmente enfocado a que se produce e como se produce.

Abordaxe multidisciplinar

Deu a benvida á xornada o secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia, Víctor Ledo. A seguir, a secretaria xeral estatal de CCOO-Industria, Garbiñe Espejo, fixo unha introdución sobre os retos sindicais, industriais e ambientais para os próximos anos.

A seguir, o secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO de Galicia moderou unha mesa redonda con especialistas do mundo empresarial, universidade e Xunta de Galicia, para tratar cuestións como o aproveitamento de xurros e residuos gandeiros, o desenvolvemento rural, novas alternativas no ámbito da reciclaxe ou o hidróxeno verde.

Posteriormente, o xerente de ISTAS-CCOO, Vicente López, presentou un estudo sobre a xeración de emprego verde, seguido dunha disertación do secretario confederal de Medio Ambiente de CCOO, Mariano Sanz, sobre a transición ecolóxica nas empresas.

Audios asociados

Intervención da secretaria xeral de CCOO na clausura da xornada sobre economía circular e emprego