Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO mobilízase en solidariedade co sindicato italiano CGIL e contra o fascismo

  • Concentracións en todas as sedes de CCOO o venres, 15 de outubro, ás 12 horas

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia condena enerxicamente o asalto que se produciu o pasado sábado en Roma contra a sede do sindicato CGIL, perpetrado por militantes da extrema dereita e do movemento antivacinas NoVax.

13/10/2021.
Concentracións diante das sedes de CCOO para rexeitar o fascismo e apoiar o sindicato italiano CGIL

Concentracións diante das sedes de CCOO para rexeitar o fascismo e apoiar o sindicato italiano CGIL

CCOO transmítelle a súa solidariedade incondicional á CGIL, organización coa que mantén fraternos lazos de amizade desde hai décadas, e convoca concentracións de apoio en todas as súas sedes para o próximo venres, 15 de outubro, ás 12 horas, baixo o lema «Mai più fascismi» («fascismo nunca máis»).

As mensaxes de odio contra a CGIL e contra os seus dirixentes lembran perigosamente os ataques do fascismo italiano dos anos vinte do século pasado, que rexorde agora da man do negacionismo antivacinas, inimigo do certificado de vacinación para traballar.

Desde o comezo da pandemia, que foi especialmente intensa en Italia, a CGIL actuou de xeito responsable para garantir o dereito á saúde das persoas traballadoras. Nesta liña, acordouse que a partir do 15 de outubro sexa necesario presentar un certificado (green pass) para acceder ao lugar de traballo.

Para CCOO, os Estados e as forzas políticas democráticas deben responder con contundencia á ultradereita, que unicamente pregoa e fomenta a violencia, o odio e a inestabilidade democrática.