Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Abril 2024.

CCOO homenaxea na Guarda as vítimas do franquismo e ratifica o seu compromiso coa memoria histórica

    Un ano máis, Comisións Obreiras homenaxeou na Guarda as vítimas do franquismo e contribuíu á recuperación da memoria histórica na comarca do Baixo Miño. Fíxoo cun acto dobre o xoves, que consistiu nunha ofrenda floral no cemiterio de Sestás e nun coloquio no Centro Cultural da Guarda.

    15/10/2021.
    Homenaxe na Guarda ás vítimas da represión franquista

    Homenaxe na Guarda ás vítimas da represión franquista

    Na ofrenda floral leuse un comunicado conxunto de CCOO, da Asociación para a Memoria Histórica e Fosa Común de Sestás, da Fundación 10 de Marzo de CCOO de Galicia e da Fundación Juan Muñiz Zapico (CCOO de Asturias). Precisamente, CCOO aproveitou esta xornada de reivindicación e memoria para formalizar a súa adhesión a esta asociación.

    Canto ao coloquio, titulado «Camposancos, porta do inferno», contará coa participación do historiador Víctor Santidrián e de José Urís, especialista na historia deste campo de concentración franquista. O peche do acto correu a cargo da coral Cantos de Liberdade.

    Porta do Inferno

    Coñecido como «Porta do Inferno», polo campo de concentración de Camposancos pasaron máis de 4500 presos republicanos entre os anos 1936 e 1939, principalmente procedentes de Galicia e de Asturias. Ditáronse 225 penas de morte e cometéronse 170 execucións sumarísimas.

    Os restos das vítimas están depositados en Camposancos, pero tamén en Monte do Castro (Vigo), Figueirido (Pontevedra), Ourense e Celanova.

    O terreno da fosa común de Sestás mercouno en 1991 Juan Noya, que en 1936 era concelleiro da Guarda. Foi perseguido e tivo que exiliarse, experiencia narrada no libro Fuxidos.

    En memoria das vítimas erixiuse un monumento por subscrición popular, impulsado por Noya e polo seu compañeiro Manuel Domínguez Taxotas, co apoio das Comisións Obreiras.