Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO insta o reforzamento inmediato dos xulgados de violencia sobre as mulleres, cuxa situación é «límite»

    Comisións Obreiras (CCOO) insta o reforzamento inmediato dos xulgados de violencia sobre as mulleres. O sindicato denunciou reiteradamente perante a Dirección Xeral de Xustiza que a situación é «límite», sen que se tomasen medidas. Agora, o Tribunal Superior de Xustiza súmase á mesma petición, advertindo do risco de colapso que padecen en todas as cidades galegas.

    28/10/2021.
    Sede xudicial da Coruña, onde se sitúa o Xulgado de Violencia sobre a Muller n.º 1

    Sede xudicial da Coruña, onde se sitúa o Xulgado de Violencia sobre a Muller n.º 1

    Para o sector da Xustiza de CCOO, «non se pode alegar descoñecemento do problema» cando todos os operadores xurídicos coinciden na mesma alerta, co risco de que as deficiencias que arrastran se cronifiquen e volvan estruturais.

    «Nunha materia tan sensible e que merece a atención prioritaria, non se poden escatimar medios persoais nin materias», sinala o coordinador do sector da Xustiza de CCOO, Jorge Suárez. «Está en xogo a construción dun escudo institucional contra a violencia machista», advirte.

    CCOO quere ligar este necesario reforzamento á xa demandada creación das gardas de 24 horas nos xulgados de instrución da Coruña e de Vigo, «especialmente prexudicados polo colapso», como en todas as cidades de similar poboación do Estado.

    Por último, CCOO esixe reforzamento de xuíces, persoal funcionario e prolongacións de xornada, medidas «que deben ser permanentes».