Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

Enquisa de poboación activa (EPA)

A EPA describe un mercado laboral galego asentado na precariedade e con sectores peor ca antes da pandemia

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia sinala que a enquisa de poboación activa (EPA), publicada hoxe, describe un mercado laboral galego asentado na precariedade e con sectores da economía —nomeadamente a construción e a industria— que se atopan nunha situación peor ca antes da pandemia. Malia que emprego medrou neste trimestre por riba da media estatal, a taxa de ocupación galega segue por baixo da española (47,52 % e 50,52 %, respectivamente).

    28/10/2021.
    Maica Bouza, secretaria de Emprego e Política Social de CCOO

    Maica Bouza, secretaria de Emprego e Política Social de CCOO

    Desde a Secretaría de Emprego de CCOO coidan que os datos «non son para congratularase», pois debuxan un escenario marcado polo peso do traballo temporal e a tempo parcial, o aumento da precariedade no sector público ou a dificultade para reducir a taxa de pobreza.

    Neste sentido, CCOO demanda que a Xunta aproveite os orzamentos do 2022 —e, neles, os fondos europeos Next Generation— para impulsar as políticas e os recursos necesarios para mudar esta situación. «Galicia debe apostar por un novo modelo produtivo orientado a actividades de maior valor engadido, diversificado, que potencie a industria e cumpra criterios medioambientais de economía circular», sinala a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza.

    Abundando nesta liña, o incremento do SMI e a derrogación das reformas laborais «contribuiría á mellora das condiciones de traballo e a unha maior equidade na distribución da renda», conclúe Bouza.

    Análise da EPA

    Segundo a EPA, no terceiro trimestre de 2021 medra o emprego e redúcese o desemprego. Malia seren positivas en termos cuantitativos, as cifras evidencian que se está a consolidar un modelo de relacións laborais asentado sobre a precariedade e que lles impide aos galegos e galegas desenvolver un proxecto de vida. Medra o emprego en 35 800 persoas (+3,32 %) e redúcese o paro en 25 700, pero sobre a base de crear emprego temporal e precario: neste trimestre creáronse 25 300 postos de traballo asalariados temporais por só 10 200 indefinidos.

    O emprego medra máis en Galicia ca no conxunto do Estado (3,32 % fronte a un 1,83 %), pero non abonda para reducir a fenda entre as taxas de ocupación galega e estatal: en Galicia só traballan 47 de cada 100 persoas en idade de traballar, por 50 no Estado. O máis grave é que o emprego creado non permite que saían do desemprego e da pobreza os galegos e galegas que viven nos 46 100 fogares con todas as persoas en desemprego ou nos 27 900 onde non entra ingreso ningún.

    O incremento do emprego non reduce o desequilibrio que sofren as mulleres no mercado laboral galego xa que o emprego feminino medra menos que o masculino: 13 700 ocupadas máis fronte a 22 000 ocupados mais. 

    O emprego medra en todos os sectores agás na construción, onde se reduce en 7300 persoas; no sector primario hai 4700 persoas ocupadas máis, na industria 3200 e nos servizos hai 352 00 novos empregos. En valores relativos, o maior crecemento do emprego dáse no sector primario (+7,1 %), mentres que a industria e os servizos rexistran incrementos do 1,8 % e do 4,6 %, respectivamente. Pola contra, o emprego na construción diminúe nun 9,3 %.

    Precariedade

    Polo tipo de xornada, o incremento de poboación ocupada concentrouse na de xornada completa, con 37 200 persoas ocupadas máis, mentres que a ocupación a xornada parcial medra en 1600 persoas.

    No que atangue ao emprego por conta allea, no terceiro trimestre de 2021 había 35 500 persoas asalariadas máis ca no trimestre anterior. A creación de emprego concéntrase no sector privado, con 27 500 persoas asalariadas, mentres que o público crea 8000. 

    O volume de emprego asalariado creado é importante, non así a súa calidade: aumentan en 10 200 os empregos indefinidos e en 25 300 os temporais. A taxa de temporalidade medra en dous puntos neste trimestre ao pasar do 24,2 % ao 26,2 %. O incremento da precariedade reprodúcese tanto no sector público como no privado, pero «resulta moi grave» destacar que a taxa de precariedade no sector público acada o 29,8 % mentres que no sector privado é do 25 %, apunta Bouza.

    O número de persoas con emprego en Galicia ao remate do terceiro trimestre de 2021 era de 1 112 500, 6800 máis que no terceiro trimestre de 2019, aínda que o comportamento sectorial é moi diferente: temos 1400 empregos máis no sector primario e 21 000 nos servizos pero, pola contra, perdemos 2800 empregos na construción e 13 200 na industria.

    No terceiro trimestre de 2021, o emprego medra en Galicia nun 3,32 % en termos porcentuais, mentres que no Estado a suba é do 1,83 %. A taxa de ocupación galega é tres puntos inferior á estatal: 47,52 % fonte á 50,52 %.

    O paro redúcese na comparativa trimestral en 25700 persoas e tamén a taxa de paro ata situarse no 10,2 %. No terceiro trimestre de 2021 había 126 700 parados e paradas en Galicia —61 400 homes e 65 300 mulleres—; deses, 57 200 (45,4 %) son de longa duración.

    Pobreza

    Por último, segundo a EPA, en Galicia hai 46 100 fogares con todas as persoas en desemprego e 27 900 onde non entra ingreso ningún.