Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

Obradoiro en Lugo sobre plans de igualdade

    Tras a formación teórica inicial que impartiu o Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia sobre os plans de igualdade e as súas fases, agora vanse desenvolver por todo o territorio catro obradoiros. O obxectivo é facilitarlles aos delegados e delegadas en proceso de negociación de plans de igualdade unha achega práctica específica sobre esas diferentes fases que compoñen o proceso dos plans de igualdade. 

    27/10/2021.
    Curso en Lugo do Gabinete de Igualdade de CCOO

    Curso en Lugo do Gabinete de Igualdade de CCOO

    A intención é aportarlles as ferramentas necesarias para poder negociar adecuadamente nas comisións de igualdade das súas empresas. Así, cunha parte de recordatorio teórico, pero centrados na aplicación práctica que compón estas fases dos plans, deseñamos os catros obradoiros para seren impartidos seguindo a orde de desenvolvemento dun plan de igualdade:

    1) Elaboración dun diagnóstico no plan de igualdade da empresa.

    2) Valoración de postos de traballo + rexistro e auditoría retributiva.

    3) Violencia de xénero e acoso sexual e por razón de sexo.

    4) Proxección e negociación de medidas de igualdade laboral + Seguimento e avaliación dun plan de igualdade.

    Obradoiro 1: Elaboración dun diagnóstico no plan de igualdade da empresa

    Esta primeira fase inclúe a comprensión do análise diagnóstico, achega de exemplos e aprendizaxe sobre o informe de conclusión diagnósticas esixido polo RD 01/2020.

    Obradoiro 2: Valoración de postos de traballo + rexistro e auditoría retributiva

    No segundo Obradoiro centrámonos na fase diagnóstica específica sobre retribucións, para que as delegadas e delegados asimilen a composición das ferramentas de igualdade retributiva que aporta o Plan de igualdade.

    Obradoiro 3: Violencia de xénero e acoso sexual e por razón de sexo

    O terceiro Obradoiro incide na problemática do acoso sexual e por razón de sexo no eido laboral, explicando que se trata dunha manifestación da violencia de xénero que sucede de maneira máis específica no traballo (ou, derivado do traballo). Explicaremos a obriga da incorporación dos protocolos específicos de tratamento de situacións de acoso sexual e/ou por razón de sexo nos Plans de Igualdade das empresas, así como os seus contidos mínimos.

    Por outra banda, tamén coa finalidade de loitar contra a lacra da violencia contra as mulleres, aportaremos ideas para incorporar nos plans de igualdade que faciliten a vida laboral daquelas traballadoras da empresa que se atopen en situación certificada de violencia de xénero.

    Obradoiro 4: Proxección e negociación de medidas de igualdade laboral + Seguimento e avaliación dun plan de igualdade

    Nesta última fase dos plans de igualdade, o obradoiro centrase na parte máis creativa da negociación: con toda a información que aportou o diagnóstico e máis o informe de conclusións, aprenderemos ás delegadas e delegados que compoñen as Comisións de igualdade negociadoras dun plan de empresa a desenvolver os obxectivos que ten que alcanzar o plan a través da creación e negociación da/s medida/s máis apropiada/s. Tamén se dedica unha parte deste obradoiro á comprensión e práctica do seguimento e avaliación dos plans de igualdade, tendo en conta que os indicadores de seguimento e consecución deben compoñer o corpo das propias medidas.