Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO lamenta o falecemento do compañeiro Veri Pazos, membro do Consello Nacional do sindicato e da Federación do Ensino

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia lamenta o falecemento aos 54 anos do compañeiro Verísimo Pazos, Veri, membro do Consello Nacional do sindicato e integrante da Comisión Executiva da Federación do Ensino, onde actualmente era responsable de organización e afiliación. A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, envíalles as máis expresivas condolencias á súa familia e amizades.

    08/11/2021.
    Verísimo Pazos

    Verísimo Pazos

    A secretaria xeral CCOO destaca o compromiso incansable de Veri Pazos a prol dun ensino público de calidade, imprescindible para unha sociedade democrática, e polos dereitos das persoas LGTBI+, dos que foi un gran valedor.

    «Sen persoas como Veri Pazos, este sindicato non sería o que é, un referente na loita pola igualdade e polos servizos públicos», sinala Amelia Pérez, quen tamén destaca que «botaremos en falta a súa extraordinaria calidade humana e a facilidade para facer equipo».

    Unha vida de compromiso sindical

    Profesor de secundaria e vinculado ao sindicato desde hai case vinte anos, Veri Pazos desempeñou distintas responsabilidades no ámbito da Federación do Ensino, como a comunicación, a acción sindical ou as actuais de organización e afiliación.

    Alén do seu incansable labor sindical, Veri Pazos foi tamén un destacado activista LGTBI+, tanto no interno do sindicato como en colaboración con outras organizacións.