Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO insta a Xunta a aplicar medidas de apoio aos sectores produtivos en crise e políticas activas de emprego

    Comisións Obreiras (CCOO) insta a Xunta de Galicia a aplicar medidas de apoio aos sectores produtivos en crise, así como políticas activas de emprego con recursos abondo que incidan na mellora da empregabilidade e na recualificación das persoas traballadoras. O sindicato fai este chamamento após coñecer os datos do paro rexistrado do mes de novembro, que confirman as advertencias realizadas por Comisións nos últimos meses respecto da peor evolución do mercado laboral galego respecto da media española.

    02/12/2021.
    En novembro, o mercado laboral galego presenta peor comportamento que o estatal

    En novembro, o mercado laboral galego presenta peor comportamento que o estatal

    En opinión da secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, se a Xunta non actúa decontado, «Galicia deixará de estar entre as comunidades con mellores resultados e rematará o ano 2021 no furgón de cola», e apoia esta tese á luz dos principais datos divulgados hoxe.

    Ao remate de novembro, o desemprego diminuíu en Galicia en 1298 persoas, un 0,84 %, case tres veces menos ca no Estado (2,28 %). O descenso do paro veu acompañado dunha caída da contratación na comunidade autónoma, mentres que en España sobe, e cunha elevada precariedade laboral que se está a converter en estrutural.

    Outro dato sobre o que CCOO chama a atención é a caída das afiliacións á Seguridade Social (-881), pois representan unha «seria advertencia» que o Goberno galego «non pode pasar por alto».

    Análise por sexos e sectores

    O desemprego diminúe tanto entre os homes (-190) como entre as mulleres (-1168), pero non racha coa fenda de xénero: as mulleres representan seis de cada dez persoas no paro. Entre a mocidade, o desemprego redúcese en tan só 50 persoas, mentres que entre as persoas maiores de 25 anos o número de paradas cae en -1248.

    O paro baixa en todos os sectores de actividade, agás no primario, que aumenta en 64 persoas. Nos servizos cae en -987, na industria -303 e -18 na construción. No colectivo sen emprego anterior tamén se reduce o desemprego (-54). 

    Análise da contratación

    A contratación tamén mingua en novembro: rexístranse 912 contratos menos ca en outubro (-1,02 %), malia que no Estado aumenta case sete puntos (6,81 %). Dos 88 297 contratos rexistrados en Galicia, 76 424 foron temporais e supoñen o 86,55 % do total de contratos rexistrados.

    Afiliación á Seguridade Social

    A afiliación á Seguridade Social no último día de novembro diminuíu en 881 persoas (-0,085 %) respecto ao mesmo período do mes anterior. Porén, atendendo á variación da media mensual, habería un aumento de 2847 persoas (+0,28 %, neste caso si similar ao +0,31 estatal).

    En calquera dos casos, a afiliación sitúase por riba do millón de persoas afiliadas, concretamente 1 035 498. Deste total, 806 006 corresponden ao réxime xeral, 209 069 ao de autónomos e 20 422 ao do mar.

    Prestacións por desemprego

    En outubro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 85 703 persoas. Destas, 38 399 foron prestacións contributivas e 47 304 subsidios. Das 38 399 prestacións contributivas por desemprego, a terceira parte (12 931) corresponden a prestacións por ERTE covid.

    Segundo os datos de que dispón CCOO, que corresponden ao 19 de novembro —o cambio producido polo Real decreto lei 18/2021 non lle permitiu á Seguridade Social obter datos homoxéneos—, os ERTE daban cobertura a 5636 persoas. Destas, 1196 en ETOP, 1347 nun ERTE de forza maior e 2296 nun ERTE de limitación ou impedimento. Do total de persoas afectadas, 2477 son homes e 3159, mulleres.