Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO denuncia na TVG a situación de acoso sexual no sector de Axuda no Fogar

    Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO do Hábitat de Galicia, na súa entrevista para a Televisión de Galicia (TVG): «Retirar a axuda á persoa dependente non é a solución»

    05/12/2021.
    CCOO do Hábitat de Galicia denuncia a través da TVG a situación de acoso sexual no sector de Axuda no Fogar

    CCOO do Hábitat de Galicia denuncia a través da TVG a situación de acoso sexual no sector de Axuda no Fogar

    Tras varias denuncias de acoso sexual por parte de familiares das persoas dependentes ás que atenden, as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) comunicáronllas ao sindicato CCOO do Hábitat.

    Alejandra Gesto transmitiu en directo estas denuncias, manifestadas o pasado 24 de novembro, nunha entrevista na Televisión de Galicia, para visibilizar os intolerables comportamentos de acoso sexual que sofren as traballadoras deste colectivo.

    «CCOO do Hábitat de Galicia ten claro cales son os mecanismos para corrixir esta secuela dentro da Axuda no Fogar, pero para iso temos que contar co apoio das administracións, que han velar por que as empresas que detecten ou sexan avisadas de casos de acoso sexual poidan aplicar as medidas preventivas e correctoras que garantan tanto a defensa das traballadoras como o mantemento da prestación do servizo coas suficientes e adecuadas garantías de seguridade», expresou Alejandra Gesto.

    Grazas ao traballo de CCOO do Hábitat de Galicia, moitas traballadoras lograron poñer fin a este tipo de abusos nos seus ámbitos de traballo, e por iso seguimos animando a todas traballadoras para que se acheguen ao sindicato a denunciar calquera tipo de comportamento desta índole.