Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

A secretaria xeral de CCOO apela no Congreso do PSdeG a situar o factor traballo no centro das políticas

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, interveu este martes no 14.º Congreso Nacional do PSdeG-PSOE. Ante as delegadas e delegados presentes, a dirixente sindical comezou o seu discurso clamando contra a desigualdade social e alertando de que a extrema dereita «avanza á vontade coa complicidade e conivencia de certos grupos mediáticos e políticos».

    07/12/2021.
    Un momento da intervención da secretaria xeral de CCOO no Congreso Nacional do PSdeG-PSOE

    Un momento da intervención da secretaria xeral de CCOO no Congreso Nacional do PSdeG-PSOE

    Pérez fixo súas as palabras da xornalista francesa Géraldine Schwarz e sinalou que o avance da extrema dereita é consecuencia dun mal traballo da memoria histórica, pois sen traballar a memoria non pode haber unha democracia madura.

    «Non son tempos doados», apuntou Pérez, ao tempo que fixo un chamamento a todas as persoas demócratas a construír un dique fronte á intolerancia, pois «non podemos caer na indiferenza».

    Ademais de apelar a este traballo de imperiosa necesidade democrática, chamou tamén a que a saída da crise sexa xusta, social e sostible, porque as desigualdades «son o maior disolvente da democracia».

    Por esta razón, cualificou de «imprescindible» poñer no centro das políticas o factor traballo, tanto do punto de vista económico como social. «Aí é onde imos estar as Comisións Obreiras e aí é onde nos gustaría que nos atopásemos», desexou a secretaria xeral de CCOO.