Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

Participar nunha protesta NON É DELITO

    Ana Cedeira, delegada de CCOO e presidenta do comité de empresa de oficinas de ENCE, culpa o alcalde Miguel A. Fernández Lores (BNG) de ser o principal responsable da situación que viven os traballadores e traballadoras da Biofábrica de Ence en Pontevedra.

    10/12/2021.

    URL | Código para insertar

    CCOO desenmascarou esta mañá, en conferencia de prensa, as mentiras do alcalde de Pontevedra, Miguel A. Fernández Lores (BNG) e o seu continuo ataque e represión aos traballadores e traballadores de ENCE.

    Mostrando o auto no Xulgado de Instrución de Pontevedra que sinala a alcaldía como denunciante, o secretario de Organización da Unión Comarcal de CCOO de Pontevedra, Xosé L. García Pedrosa, engadía: «Non houbo ningunha actuación delituosa», «o alcalde de Pontevedra ten todo o dereito do mundo a presentar calquera tipo denuncia se considera lesionados os seus dereitos, pero ao que non ten dereito é a mentir á cidadanía de Pontevedra». As consecuencias desa denuncia son a petición por parte da Fiscalía dunha condena dun ano de prisión, un ano de inhabilitación a sufraxio pasivo, unha multa de 1400 euros e o aboamento das custas do proceso xudicial.

    Pola súa banda, a presidenta do comité de empresa de Oficinas de Ence, Ana Cedeira, delegada de CCOO, culpa o alcalde Miguel A. Fernández Lores como o principal responsable da situación que viven os traballadores e traballadoras da Biofábrica de Ence en Pontevedra e manifestou publicamente «o seu apoio e solidariedade co compañeiro Ramiro», para asegurar que «o único que facemos é defender os nosos postos de traballo», «o único que facemos é evitar que a nosa empresa peche, e o alcalde de Pontevedra é o culpable desta situación».

    O compañeiro Ramiro Cerdeira, delegado de CCOO na fabrica de Ence, reiterou que o único que fixo foi defender o seu posto de traballo e que ten claro que o vai a seguir facendo.

    Campaña de denuncia e información

    CCOO inicia unha campaña de información, denuncia e mobilización contra as actuacións autoritarias, antidemocráticas, de persecución e acoso sistemático que vén practicando o alcalde contra os traballadores e traballadoras de fabríca de Ence en Pontevedra. 

    CCOO convocará a primeira manifestación o próximo día 17 de decembro, para denunciar a criminalización da protesta social e a ofensiva penal contra os delegados e delegadas de CCOO da fábrica de ENCE, así como os ataques, insultos e humillacións que sofren acotío todas as persoas vinculadas e ela economicamente, laboralmente ou que apoian un futuro industrial en Pontevedra, por aqueles que ven nunha fábrica e nuns traballadores e traballadoras os culpables de todas as súas frustracións, incompetencias e fracasos.