Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO ratifica ante os traballadores e traballadoras de Ence o seu compromiso coa actividade e co emprego en Pontevedra

    14/12/2021.

    URL | Código para insertar

    Comisións Obreiras (CCOO) ratificou este martes ante os traballadores e traballadoras de Ence o seu compromiso coa actividade industrial e co emprego en Pontevedra. Así o sinalaron nunha asemblea con delegados e delegadas sindicais da fábrica, do porto de Marín e de empresas auxiliares, a máxima responsable do sindicato en Galicia, Amelia Pérez, a secretaria federal da FSC-CCOO, Juana Olmeda, e o secretario xeral da FSC-CCOO de Galicia, José Manuel Ramos.

    Ao finalizar a asemblea, os dirixentes sindicais visitaron Ence para coñecer as instalacións e as impresións dos traballadores e das traballadoras. «Había moito tempo que quería visitar de primeira man esta fábrica»,expresou a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia. Amelia Pérez reiterou que o problema é «unha cuestión política» e salientou que a «premisa básica» de Comisións é a defensa dos postos de traballo.

    Nun contexto de transicións dixitais, enerxéticas e ecolóxicas, e no que se demanda un cambio de modelo produtivo, a secretaria xeral de CCOO defende a continuidade dunha fábrica «que medioambientalmente se foi adaptando aos distintos requisitos da Unión Europea» e que xera milleiros empregos en Pontevedra.«Ides ter ao voso carón o Sindicato Nacional de Galicia», insistiu Pérez.

    A secretaria federal da FSC-CCOO, Juana Olmeda, cualificou de «prioridade absoluta» para o sindicato a continuidade de Ence, pois perder a empresa sería «unha catástrofe para toda a comarca». A sindicalista explicou que «xa pasamos por outras situacións similares noutros lugares», onde unha fábrica relevante pecha «e iso implica a destrución da comarca pola perda de economía, de poboación... Non o podemos permitir», recalcou.

    «Empresas de alto valor engadido e condicións de traballo coma esta hai que mantelas a calquera prezo», apuntou Olmeda, e advertiu que, se pecha Ence, «haberá que traer de fóra todo o que agora se produce e exporta desde Pontevedra».

    Pola súa parte, o secretario xeral da FSC-CCOO de Galicia lembrou que o sindicato está «desde o primeiro momento» cos traballadores e coas traballadoras. «Estamos convosco a todos os niveis», tanto coma no ámbito federal, coma no nacional, sectorial ou comarcal, sinalou. «Sodes moi importantes para nós como traballadores e traballadoras. O sindicato está aquí e seguirá estando», reiterou José Manuel Ramos.

    Por último, o dirixente sindical cualificou de «inviable» o traslado de Ence, postura que defenden outros sindicatos e partidos políticos, e concluíu explicando que «Ence é moito máis que a fábrica; Ence é tamén a actividade que xera no porto de Marín, nas empresas auxiliares e na comarca».