CCOO rexeita o anteproxecto de Lei xeral audiovisual
Preservar o sector público de comunicación audiovisual, evitar as privatizacións, garantir o pluralismo e a responsabilidade editorial ou establecer unha autoridade independente son algunhas das cuestións claves deste proxecto de lei sobre as que o Parlamento non está falando.
Para CCOO, o que se pretende coa Lei xeral de comunicación audiovisual (LXCA) é unha lei Frankenstein na que se desaproveita a obriga de traspoñer a última Directiva Europea do Audiovisual 2018/180 para introducir modificacións en toda a rede sectorial española, dándolle unha volta máis á xa ultraliberal lei do 2012, que levou a cabo o Partido Popular sobre a promovida dous anos antes polo goberno de Zapatero.
Esta nova reforma lexislativa parece afondar máis aínda nun modelo mercantilista e ao servizo dos operadores privados, no canto de velar pola defensa dos servizos públicos de radiotelevisión e o acceso gratuíto e universal da cidadanía a uns sistemas de comunicación que sexan garantes dos principios constitucionais básicos en materia de información. Pola contra, a LXCA vén a “bendicir” a falta de pluralismo e os oligopolios xa creados de televisión (Mediaset e Atresmedia) e radio (Cadena SER, COPE e Onda Cero), sen intención ningunha tampouco de esixir maiores obrigas ás novas plataformas dixitais das que a normativa europea impón.
Desde CCOO, entendemos que unha nova lei non pode deixar pasar unha definición clara da misión de servizo público para todos os prestadores (públicos e privados), onde se garanta o pluralismo, a responsabilidade editorial e a liberdade de expresión. Así mesmo, evitar a privatización e a externalización do modelo de radiotelevisión pública que pretende o anteproxecto é unha prioridade sindical, do mesmo modo que o é garantir un financiamento estable e definido por lei para CRTVE e o resto de operadores de servizo público.
Entre outras moitas cuestións, pois o anteproxecto ben merecería ser reformulado na súa totalidade, evidenciamos unha falta absoluta de referencia á dimensión laboral dun sector que se pretende que sexa o concentrador audiovisual de Europa, atraendo os fondos de recuperación para dar un maior pulo á produción do noso país. Así, non se concretan na lei cuestións que tamén fomenten a creación de emprego de calidade, de garantías laborais, de conciliación e corresponsabilidade, de saúde laboral e de igualdade efectiva entre mulleres e homes.
O texto deste anteproxecto carece, ademais, de concreción no control dos medios. Deixa en mans da “autorregulación” o que deberían ser as funcións dunha autoridade audiovisual independente que velase pola regulación do sector en materia de transparencia, pluralidade, control da publicidade e os contidos, entre outras obrigas, á marxe do que escasamente veu desenvolvendo a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).
CCOO enviou hai uns días unha carta de queixa á ministra Nadia Calviño, pois do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital depende este APL. Nela manifestamos o noso malestar con este texto e a necesidade de acometer un diálogo cos axentes sociais nesta materia.