Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Cinco claves da reforma laboral con perspectiva de xénero

    Con esta reforma laboral, #AgoraSi gañamos dereitos. Así afecta o acordo de forma específica ás mulleres traballadoras.

    12/01/2022.
    #AgoraSi

    #AgoraSi

    O acordo de reforma laboral pactado de forma tripartita no diálogo social supón unha recuperación nítida de dereitos para todas as persoas traballadoras. A prevalencia do convenio sectorial sobre o de empresa, a recuperación da ultraactividade dos convenios (que xa non 'caducan' mentres se negocia un novo), a redución da temporalidade mediante a redución dos tipos de contratos (que deben aclarar as súas causas), o novo contrato formativo, a elevación das sancións ante as infraccións na contratación ou a flexibilidade interna (procurar mecanismos para que os despedimentos sexan sempre a última opción para as empresas), son medidas que supoñen claras melloras para as persoas traballadoras. 

    Ao tempo, algunhas das melloras que contén o acordo benefician de maneira particularmente positiva as mulleres traballadoras, xa que elas viñan sufrindo a maior precariedade. Desde CCOO destacamos cinco aspectos clave:

    1. Pónselle couto á temporalidade. A temporalidade é un dos males endémicos do noso mercado de traballo e afecta máis as mulleres. Segundo o último Informe do Gabinete Económico confederal de CCOO, a taxa de temporalidade para as mulleres no 2020 foi do 25,7 %, mentres que nos homes se situou no 22,6 %. Ao longo da última década, a temporalidade sempre foi maior para as mulleres.

    Na reforma laboral pactada polo diálogo social, o contrato laboral presúmese como indefinido, acóutanse as causas para realizar contratos temporais e limítase a súa duración, co que moitas mulleres traballadoras verán dignificadas as súas condicións de traballo.

    2. Elimínase o contrato por obra e servizo. En novembro de 2021, ata un 30 % das mulleres contratadas tiveron esta modalidade, que agora queda eliminada. No seu lugar impúlsase a figura do contrato fixo-descontinuo, co que se logrará unha maior seguridade e estabilidade.

    Este cambio debería supor unha importante transformación en sectores nos que se vén utilizando este contrato e que teñen unha notable presenza feminina, como as actividades agrarias, forestais e de pesca, a restauración ou a industria manufactureira.

    3. Atállase a precariedade no sector público. É un sector moi importante para as mulleres, posto que un 21,9 % das ocupadas se encadran nel. Ademais, dáse a circunstancia de que a fenda de temporalidade neste caso é aínda maior: no 2019 afectaba a un 32,4 % das empregadas públicas fronte a un 21,6 % dos empregados públicos.

    4. Limítase o encadeamento de contratos temporais. Reduce a 18 meses (nun período de 24 meses) o prazo de encadeamento de contratos para adquirir a condición de traballadora indefinida, fronte aos 24 meses (nun período de 30 meses) vixente actualmente. Neste caso, os datos tamén apuntan a que as mulleres, en proporción, resultarán máis beneficiadas, pois eran elas as que estaban encadeando máis contratos.

    5. Regúlanse contratas e subcontratas. A reforma supón o establecemento do convenio sectorial de aplicación para quen traballa en contratas e subcontratas. Traballadoras da limpeza, camareiras de piso e outras de empresas multiservizos, que durante estes anos viron minguados os seus salarios e empeoradas as súas condicións de traballo, terán unha equiparación de dereitos co resto do seu sector. 

    Con esta reforma gañamos dereitos todos e, moi especialmente, todas. Agora será o momento de reclamar e facer efectiva esta recuperación de dereitos centro a centro de traballo e seguir pelexando desde a acción sindical por outros avances necesarios para eliminar todas as fendas de xénero.