Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO conmemora o 11 de febreiro, Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia

    O Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, que se celebra cada ano o 11 de febreiro, foi aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais, acadar a igualdade de xénero e o apoderamento das mulleres e as nenas.

    11/02/2022.
    Día internacional das mulleres e das nenas na ciencia 2022

    Día internacional das mulleres e das nenas na ciencia 2022

    ABORDAR A FENDA DE XÉNERO NA CIENCIA E NA INVESTIGACIÓN

    O 8 de marzo do pasado ano, a directora executiva de ONU-Mulleres, Phumzile Mlambo-Ngcuka, decla­raba a necesidade de que a representación de mulleres e nenas as reflicta «en toda a súa diversidade e con todas as súas capacidades, así como en todas as situacións culturais, sociais, económicas e políticas » porque «conseguir un auténtico cambio social que incorpore as mulleres como iguais na toma de deci­sións benefícianos a todas e todos».

    Ao tempo, desde o Observatorio Mulleres, Ciencia e Innovación afírmase que «o impulso da igualdade de xénero na ciencia, tecnoloxía e innovación, amais de ser un principio básico do dereito, é garantía de excelencia na I+D+I, ha contribuír a atraer, reter e desenvolver todo o talento, sen deixar a ninguén atrás».

    ESTEREOTIPOS DE XÉNERO NO ACCESO DIFERENCIAL ÁS ÁREAS STEM [1]

    As nenas senten menor atracción cara a estas áreas debido, entre outros, a estes feitos:

    — Os roles estereotipados sobre as persoas que fan ciencia (asóciase adoito a ciencia con homes, e os científicos da área stem cunha aparencia física descoidada, con dificultades para socializar e empa­tizar, etc., o cal favorece a idea de que «só as mulleres intelixentes e feas poden entrar neses cam­pos masculinizados»).

    — A chamada «ameaza do estereotipo», definida como o medo das persoas a confirmaren un este­reotipo negativo sobre o grupo ao que pertencen (neste caso, ese estereotipo tradúcese na idea de que «as mulleres son peores en matemáticas»).

    — A interiorización, desde unha idade temperá, dos roles de xénero canto ás expectativas da mas­culinidade e da feminidade: apréciase un menor sentido de pertenza e un menor interese das mu­lleres polas áreas en que os estereotipos femininos son amplos (en especial nos campos cuantitati­vos, como matemáticas ou física).

    — O «currículo oculto», transmitido de maneira que pode perpetuar valores tradicionais ou sexistas —ás veces de forma inconsciente—, prexudica o interese das nenas por estas áreas, xa que teñen unha menor exposición a elas que afecta a autopercepción das súas capacidades, levándoas a crer que son peores en ciencia.

    INFRARREPRESENTACIÓN FEMININA NAS ÁREAS STEM

    Mentres que os campos coas mellores oportunidades son enxeñería e informática, destacando tanto na investigación como no eido laboral como actividades dominantes (tamén para o maior número de per­soas, xa que representan máis do 80 % dos empregos stem) e sendo estas áreas onde as persoas recupe­ran con maior celeridade o investimento educativo que tiveron que facer para formarse, porén, é un dos campos con maior fenda de xénero (en particular, en España a problemática da escasa presenza de mulleres estudantes e investigadoras é maior nas enxeñerías e na tecnoloxía).

    Trátase dunha segregación horizontal evidente, discriminación sobre a que cómpre actuar con medidas que atraian e conserven o talento feminino, tanto na comunidade científica e investigadora como nos sectores da innovación no eido laboral.

    Como parte da loita das CCOO contra as discriminacións de xénero na sociedade, é imprescindible pro­mover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no eido científico, en particular nas áreas stem. Por iso hoxe o Gabinete de Igualdade quere sumar a forza das CCOO á reivindicación deste día para a mellora das oportunidades das mulleres.

     [1] Áreas stem: este acrónimo, segundo as siglas inglesas, refírese ás áreas de investigación e traballo da ciencia, tecnoloxía, enxeñe­ría e matemáticas.