Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO celebra en 2022 «50 anos na historia» e lembra que os dereitos hai que loitalos cada día

    11/02/2022.
    Amelia Pérez e Xan María Castro, na presentación do programa de actividades

    Amelia Pérez e Xan María Castro, na presentación do programa de actividades

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a Fundación 10 de Marzo presentaron este venres os actos conmemorativos do cincuenta aniversario das loitas obreiras de 1972.

    A secretaria xeral do sindicato, Amelia Pérez, e o presidente da fundación, Xan María Castro, destacaron que as actividades programadas queren poñer en valor a recuperación da memoria democrática, o papel protagonista de CCOO e a necesidade de loitar cada día para preservar os dereitos que se conseguiron. 

    A secretaria xeral explicou que o lema escollido, «50 anos na historia», quere pór de relevo ese protagonismo do sindicato na primeira liña das loitas obreiras que viviu Galicia durante o franquismo e que contribuíron a debilitar a ditadura. Amelia Pérez coida necesaria esta reivindicación da memoria democrática porque foron «milleiros» os homes e mulleres que naqueles tempos «non dubidaron en arriscar a súa vida», en defender «o que entendían que era preciso facer».

    Pola súa parte, Xan María Castro destacou que as mobilizacións obreiras de 1972 puxeron en xaque o franquismo, que reprimiu con dureza as protestas causando a morte de dous membros de CCOO o 10 de marzo daquel ano en Ferrol. «Nos anos seguintes conmemoramos esta data, con máis ou menos dificultades, e no noso primeiro Congreso fixamos o 10 de marzo como Día da Clase Obreira Galega».

    A indignación obreira non parou aí, estendeuse á principal urbe industrial, Vigo, que en setembro dese ano protagonizaría unha histórica folga, que tamén será lembrada polo sindicato cunha serie de actos que se anunciarán máis adiante.

    Estas conmemoracións son «unha oportunidade para ver con perspectiva que aquilo que se defendía son causas aínda vixentes», explicou o presidente da Fundación 10 de Marzo, lembrando que a protesta de Ferrol partira dunha mobilización para defender un convenio xusto «realmente negociado con quen defendía os traballadores» e non co sindicato vertical.

    «As loitas obreiras conseguiron avances, pero moitas veces a parte contraria quere retrocesos. Por iso debemos poñer en primeiro plano esta memoria e insistir en que os dereitos non se gañan dunha vez para sempre, senón que os hai que defender a diario para mantelos e para tentar amplialos», reflexionou Castro.

    Actos en Santiago de Compostela

    A secretaria xeral de CCOO explicou que os primeiros actos de celebración deste 50.º aniversario serán en Santiago de Compostela, con mesas redondas os días 23 de febreiro e 3 de marzo, nas que diferentes protagonistas sindicais reflexionarán sobre a loita obreira, o sindicalismo e o longo camiño para a conquista da democracia.

    O día 5 de marzo terá lugar a trixésima edición dos Premios 10 de Marzo, cos que o sindicato e a fundación recoñecen traxectorias vitais de compromiso coa clase traballadora e coa loita polas liberdades. Este ano serán premiados Jaime Pereira, Josefa Piñón e, a título póstumo, Almudena Grandes.

    Amelia Pérez tamén salientou que este ano é o 25.º aniversario da declaración institucional pola que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o carácter singular do Día da Clase Obreira Galega. Neste sentido, CCOO está traballando para que a Cámara galega referende ese compromiso e así llo transmitiu recentemente ao presidente da institución, Miguel Ángel Santalices.

    Así mesmo, o sindicato continúa a promover que todas as cidades galegas conten cun espazo público dedicado ao 10 de Marzo —xa existe nalgunhas—, de xeito que en todas estea presente ese recoñecemento «á loita obreira, á loita pola memoria democrática da que fomos referentes en todo o Estado».

    Ligazóns: