Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO lamenta que o BNG continúe rompendo os consensos parlamentarios para a conmemoración institucional do 10 de Marzo

    Sindicato Nacional de Comisións Obreiras denuncia que os «intereses partidistas» e a «pretensión de dominio que o BNG quere exercer sobre a historia obreira de Galicia» impidan lograr un consenso no Parlamento galego e reeditar o apoio unánime ao 50.º aniversario do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, e das loitas obreiras en xeral de 1972.

    09/03/2022.
    50 anos na historia

    50 anos na historia

    O martes debateuse —e hoxe votouse— na Cámara autonómica unha proposición non de lei do grupo parlamentario do BNG, cuxo contido, no fondo, é o mesmo que previamente CCOO sometera á consideración dos tres grupos parlamentarios, logrando o aval do PSdeG e o PPdeG. O BNG nin sequera respondeu.

    CCOO explica que traballou «con discreción» durante semanas nunha declaración institucional para reeditar os «históricos» consensos de 1997 e 2006 —sendo presidentes Manuel Fraga e Emilio Pérez Touriño, respectivamente—, cando todos os grupos parlamentarios apoiaron o recoñecemento do 10 de Marzo como data de especial significado. No último caso, ademais, instábase a Xunta a se sumar ás celebracións do Día da Clase Obreira Galega.

    A diferenza coas dúas ocasións anteriores é que a proposición non de lei (PNL) que os nacionalistas levaron hoxe ao Parlamento non conta co apoio do resto dos grupos, o que impide calquera posibilidade de acordo. Por outra parte, CCOO reprocha a «deslealdade institucional» do BNG, a quen se lle remitiu o 7 de febreiro un escrito solicitando unha reunión. Os nacionalistas non responderon, pero só tres días despois rexistraron no Parlamento a súa propia PNL.

    Para Comisións Obreiras, o BNG «equivócase» ao utilizar con «finalidades partidistas» unha materia que, «pola súa transcendencia histórica, debería suscitar o máximo consenso». Un xesto «aínda menos entendible» cando este ano se cumpre o 50.º aniversario dos feitos polos que o 10 de Marzo é conmemorado como Día da Clase Obreira Galega.

    CCOO lamenta que o BNG quixera «forzar unha situación indesexable» como é levar ao Parlamento unha PNL sabendo de antemán que sería rexeitada porque non tivo interese en buscar o necesario consenso. «A única interpretación que atopamos é que procuran un protagonismo que non lles corresponde, apropiándose duns feitos históricos nos que nós estabamos presentes e eles non».

    Neste sentido, CCOO lembra que conmemora os feitos do 10 de Marzo e en xeral as loitas obreiras daquel ano 1972 «xa desde a clandestinidade», realizando grandes esforzos para pór en valor esta memoria obreira unha vez legalizado o sindicato, celebrando anualmente esa data como Día da Clase Obreira Galega ou constituíndo a Fundación 10 de Marzo (1991), «depositaria do maior arquivo sindical galego e do asociacionismo obreiro». Esta Fundación, ademais, concede cada ano desde 1992 os Premios 10 de Marzo, dos que a pasada semana celebramos a 30.ª edición.

    Para CCOO, este xeito de actuar é «unha burla a Comisións Obreiras, ao Parlamento de Galicia, á clase obreira e ao pobo galego en xeral». Non obstante, desde o sindicato apuntan que aínda se está a tempo de chegar a unha proposta de consenso, «na que traballariamos encantados», sempre que o BNG «levante o veto» á declaración institucional que xa tiña a vontade de acordo dos grupos Popular e Socialista.