Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

Amelia Pérez: «Os principais conflitos laborais do que levamos de ano son para mellorar as condicións de traballo das mulleres»

    CCOO organizou este xoves en Santiago de Compostela unha xornada sobre os plans de igualdade e o recente acordo de reforma laboral, aprobado hai mes e medio.

    17/03/2022.
    Xornada sobre o acordo de reforma laboral e os plans de igualdade

    Xornada sobre o acordo de reforma laboral e os plans de igualdade

    A presentación da xornada correu a cargo de Mamen Sabio, secretaria de Mulleres, Igualdade e Políticas LGTBI do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia. A sindicalista comezou poñendo en valor o traballo do sindicato no ámbito feminista e a importancia das mulleres para a organización. «Que sería das Comisións Obreiras sen as obreiras?», sinalou.

    A seguir, Sabio centrou a súa intervención na necesaria colaboración e o papel transversal das secretarías da Muller e de Acción sindical de CCOO no ámbito da negociación colectiva, especialmente no que respecta aos plans de igualdade, co obxectivo de corrixir os elementos que prexudican as mulleres no ámbito laboral —en salario, xornada, dereitos de conciliación, etc.

    O núcleo da xornada foi a charla de Carolina Vidal, secretaria confederal de Mulleres, Igualdade e Condicións de Traballo. A primeira parte centrouna na necesidade de combater a fenda salarial que padecen as mulleres —en Galicia, de media, cobran 5000 euros ao ano menos ca os homes—. Para lograr este obxectivo, sinalou os plans de igualdade como unha ferramenta imprescindible.

    A segunda parte tivo como protagonista o acordo de reforma laboral e a súa achega para a implementación da perspectiva de xénero no mercado de traballo. Segundo explicou, hai determinados condicionantes sociolaborais que padecen de xeito singular as mulleres, de aí que sexa imprescindible a perspectiva de xénero, ese punto de vista que favorece a representación e a presenza igualitaria de mulleres e homes.

    Pechou esta sesión formativa a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez. A dirixente sindical salientou que os principais conflitos laborais do que levamos de ano «están protagonizados por nós, polas mulleres», poñendo como exemplos a folga da conserva, a folga das residencias privadas —que comeza este xoves— ou as diversas mobilizacións no sector de centros de chamadas —un ámbito altamente feminizado.