Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO alerta de que o número de persoas afectadas por ERTE non derivados da covid é un 86 % máis ca o mes anterior

    Os datos do paro rexistrado do mes de marzo amosan mellores cifras ca antes da pandemia no relativo ao emprego, se ben a redución do desemprego é inferior a que se rexistraba neste mesmo mes en anos anteriores. Malia todo, o Sindicato Nacional de CCOO alerta do aumento do número de persoas afectadas por ERTE non derivados da covid, que é un 86 % máis ca en febreiro, en total 1739. Isto pon de manifesto a existencia de «problemas de fondo no tecido produtivo galego que non se poden pasar por alto». O dato máis positivo volve ser, un mes máis, o aumento da contratación indefinida grazas á reforma laboral: son xa un de cada tres contratos, o triplo ca hai un ano.

    04/04/2022.
    Oficina do Servizo Público de Emprego

    Oficina do Servizo Público de Emprego

    Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, estes datos obedecen a un «contexto de incertezas» que, nunha economía «con serios problemas estruturais como a galega», require dunha Xunta de Galicia «forte» que apoie os sectores produtivos e poña en marcha medidas sociais para axudar os galegos e galegas que teñen máis dificultades para chegar a fin de mes, «non dun presidente ausente, máis preocupado polo futuro do seu partido no eido estatal ca do futuro de Galicia e da súa cidadanía», reprocha.

    Datos do paro

    Os datos coñecidos hoxe indican que en febreiro o paro rexistrado baixou en Galicia en 1173 persoas, un 0,76 %, mentres que no Estado o desemprego se reduce un -0,09 %. A afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra un crecemento de 3851 afiliados e afiliadas; se considerarmos os datos da afiliación media mensual, esta medra en 2311 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior.

    O desemprego baixa tanto entre as mulleres (388 desempregadas menos) coma nos homes (785 desempregadas menos). Malia a redución do desemprego feminino, seis de cada dez persoas paradas son mulleres, polo que se mantén a fenda de xénero no emprego. 

    O paro aumenta no colectivo de menores de 25 anos (con 212 mozos e mozas desempregadas máis), mentres que entre as persoas maiores desa idade diminúe (1385 menos). 

    En Galicia había 153 336 persoas desempregadas ao remate do mes de marzo, un 15,15 % menos ca no mesmo mes do ano anterior. Esta porcentaxe é inferior á rexistrada no conxunto do Estado, onde o desemprego cae nun 21,29 % en termos anuais.

    En opinión de CCOO, a reforma laboral acordada entre organizacións sindicais, patronais e Goberno «segue a impulsar a contratación indefinida» en Galicia. No mes de marzo fixéronse 70187 contratos, un 8,1 % máis ca en febreiro. A contratación indefinida medra un 36,6 % no último mes, aínda que a maior parte dos contratos seguen sendo temporais (49 653 temporais por 20 534 indefinidos). Os datos publicados hoxe evidencian que a temporalidade na contratación se reduciu en 17 puntos no último ano, pasando de representar o 88 % do total en marzo do 2021 ao 71 % en marzo do 2022.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 64 236 homes (785 menos ca en febreiro) e 89 100 mulleres (388 menos ca no mes anterior). Seis de cada dez persoas paradas son mulleres. Atendendo ás idades, hai 6582 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (212 máis ca en xaneiro) e 146 754 maiores desa idade (1385 menos).

    O paro diminúe en todos os sectores de actividade: no primario hai 125 persoas desempregadas menos, na industria 164, 134 na construción e 1021 nos servizos. No colectivo sen emprego anterior, o desemprego incrementouse en 271 persoas.

    Análise da contratación

    En marzo rexistráronse en Galicia 70 187 contratos, dos cales 49 653 foron temporais e 20 534 indefinidos. Os contratos temporais supoñen o 71 % do total de contratos rexistrados. A contratación indefinida mantén a tendencia ascendente iniciada en xaneiro tras a entrada en vigor da reforma laboral (sobe un 36,6 % mentres que a temporal cae un 0,6 %). O volume de contratos rexistrados en febreiro foi superior nun 8,1 % aos formalizados no mes de xaneiro.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 3851 persoas, ata situarse en 1 027 358 afiliados e afiliadas; rexistra un crecemento do 0,38 % en relación co mes anterior, similar ao rexistrado no ámbito estatal.

    A afiliación media mensual medra en 2311 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 028 457. Deste total, 800 752 corresponden ao réxime xeral, 207 926 ao de autónomos e 19 780 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia crece un 0,23 % e no Estado un 0,75 %.

    Prestacións por desemprego

    En febreiro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 89 336 persoas: 40 993 prestacións contributivas e 48 343 subsidios. Do total de prestacións contributivas por desemprego, 4280 corresponden a prestacións por ERTE covid.

    En relación cos ERTE do mes de marzo, hai que sinalar que este mecanismo daba cobertura a 5369 persoas a final do mes, das cales 1739 estaban en ERTE non covid e 3630 en ERTE covid. Do total de persoas afectadas, 2626 son homes e 2743 mulleres.