Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO esixe máis medios para garantir a seguridade laboral nas empresas e relaciona a sinistralidade coa precariedade

    Galicia foi no ano 2021 a terceira comunidade autónoma con maior índice de incidencia de accidentes mortais e a quinta en total de falecidos por accidentes en xornada laboral. «Non se pode normalizar esta situación, porque non é normal que cada ano morran case cincuenta persoas por mor do traballo», advertiu o secretario de Saúde Laboral de CCOO, Armando Iglesias, na presentación dun informe cos principais datos de sinistralidade do último ano.

    21/04/2022.
    Armando Iglesias, secretario de Acción Sindical e Saúde Laboral

    Armando Iglesias, secretario de Acción Sindical e Saúde Laboral

    No 2021 houbo case trinta mil accidentes con baixa, en total 28.991 (un 18,3 % máis). Esta repunta débese, principalmente, a que o ano pasado recuperou boa parte da actividade en comparanza co 2020, exercicio en que as restricións derivadas da pandemia limitaron o funcionamento de moitas empresas.

    Segundo o informe de CCOO, a sinistralidade laboral ten claro nesgo de xénero: o 72,46 % dos accidentes padecéronos homes, cifra que se eleva ao 97,92 % no caso dos sinistros con resultado de morte.

    A precariedade laboral é outro factor vinculado coa sinistralidade. En proporción, os traballadores e traballadoras cun contrato temporal sofren máis accidentes ca os que teñen unha relación estable. No ano 2021, o 41,69 % dos accidentes de traballo con baixa en xornada laboral de persoal asalariado sufríronos persoas cun contrato temporal. «Tendo en conta que a poboación asalariada temporal representaba o 24 % do total, é evidente que existe unha relación entre os sinistros e o tipo de contrato», concluíu o sindicalista.

    Neste contexto, o secretario de Saúde Laboral de CCOO valorou que, coa reforma laboral aprobada este ano, «contamos cunha ferramenta importante», xa que vai permitir reducir as taxas de precariedade ao limitar «enormemente» a contratación temporal. «Agardamos que isto tamén teña efectos positivos na seguridade e saúde no traballo», apuntou.

    Por todo isto, Iglesias esixiu «máis medios» para garantir o «efectivo cumprimento» da normativa de seguridade laboral nas empresas e reclamou «sancións exemplares» para as empresas que non cumpran coas súas obrigas na materia e poñan en risco a integridade e as vidas do seu persoal.