Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO e UGT chaman a mobilizarse o Primeiro de Maio para que a clase obreira «non pague os pratos rotos» desta crise

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) e UGT-Galicia chaman a mobilizarse o Primeiro de Maio para que a clase obreira «non pague os pratos rotos» desta crise. Así o expresou a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, quen presentou os actos e reivindicacións conxuntas do Día Internacional do Traballo canda ao seu homólogo da UGT, José Antonio Gómez. Ambos os sindicatos mobilizaranse conxuntamente en sete localidades galegas e, a maiores, Comisións manifestarase noutras dúas.

    26/04/2022.
    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, presentou os actos e reivindicacións do Primeiro de Maio canda o seu homólogo da UGT

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, presentou os actos e reivindicacións do Primeiro de Maio canda o seu homólogo da UGT

    Este Primeiro de Maio terá lugar nun contexto especialmente adverso como consecuencia da guerra de Ucraína, os disparatados prezos da electricidade e dos combustibles e a inflación descontrolada. Baixo o lema «A solución: subir salarios, conter prezos, máis igualdade», CCOO e UGT esixen que os poderes públicos tomen medidas para conter os prezos e evitar a perda de poder adquisitivo.

    Segundo Amelia Pérez, «reivindicamos que o centro das políticas deste país siga sendo o factor traballo, porque é o verdadeiro elemento transformador da sociedade». Neste sentido, as políticas que se adoptan na materia «son o que ao final mellora a vida das persoas», apuntou a dirixente sindical.

    A secretaria xeral de CCOO defendeu a importancia de subir os salarios, debate que ten lugar cunha guerra en Ucraína e cun aumento aínda maior da inflación, que xa viña subindo nos últimos meses. «Estase falando dun pacto de rendas, que ten que ser como asumamos entre todos e todas, e non só a clase obreira, o custo da crise que se está producindo», advertiu.

    Tamén apelou a conter os prezos, situación que non prexudica só as persoas máis vulnerables, senón tamén as familias que traballan «e que aínda así non chegan a final de mes como consecuencia do aumento da inflación e calquera imprevisto lle rompe as costuras á economía doméstica», puntualizou a sindicalista.

    Finalmente, reclamou máis igualdade, «porque iso significa máis xustiza social». Neste sentido apelou a aproveitar os plans de igualdade e as novas normas en materia de igualdade que se aprobaron nos últimos anos para reducir os desequilibrios que se rexistran nas empresas.

    Galicia non pode pagar a interinidade na Xunta

    A secretaria xeral de CCOO envioulle unha mensaxe ao Partido Popular e á Xunta, advertíndolles aos seus dirixentes que «Galicia non pode pagar as consecuencias desta longa interinidade». A situación actual «esixe tomar medidas e as familias non poden agardar aos tempos dos partidos políticos. A Xunta ten que traballar xa», afirmou Pérez.

    Apoio aos pobos ucraíno e saharauí

    A secretaria xeral de CCOO reiterou o apoio dos sindicatos de clase ao pobo ucraíno, rexeitando tanto a invasión rusa como a represión por parte do Goberno de Putin contra os manifestantes que piden a paz; tamén ao pobo saharauí, criticando o cambio de postura do Goberno de España, «que non compartimos».

    Por último, Pérez amosou a súa preocupación polo avance da extrema dereita no Estado español e en Europa: «Estase banalizando e normalizando de xeito alarmante», e puxo como exemplo a recente entrada de Vox no Goberno autonómico de Castela e León.

    MOBILIZACIÓNS PRIMEIRO DE MAIO EN GALICIA

    — A CORUÑA (acto central). Manifestación con saída ás 12:00 da praza da Palloza e remate diante da Delegación do Goberno

    — FERROL. Manifestación con saída ás 12:00 do Inferniño e remate na praza de Armas

    — SANTIAGO DE COMPOSTELA. Manifestación con saída ás 12:00 da Alameda e remate na praza das Praterías

    — LUGO (só CCOO). Concentración ás 12:00 na praciña da calella do Hospital

    — VIVEIRO (só CCOO). Manifestación con saída ás 11:45 do edificio de sindicatos (r/ García Dóriga) e remate na praza Fontenova

    — OURENSE. Manifestación con saída ás 12:00 do pavillón dos Remedios e remate diante da Subdelegación do Goberno

    — PONTEVEDRA. Manifestación con saída ás 12:00 da praza da Ferreiría e remate no mesmo lugar

    — VIGO. Manifestación con saída ás 11:30 da Vía norte e remate diante do edificio da Xunta (r/ Concepción Arenal)

    — VILAGARCÍA DE AROUSA. Manifestación con saída ás 12:30 da praza de Ravella e remate no mesmo lugar