Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO salienta que a contratación indefinida multiplica por catro os valores de hai un ano grazas á reforma laboral

    No día en que se coñecen os datos do paro rexistrado do mes de abril, Comisións Obreiras salienta que a contratación indefinida multiplica por catro os valores de hai un ano e atribúeo aos efectos da reforma laboral aprobada hai tres meses. Actualmente o 42 % dos contratos rexistrados son indefinidos, cando doce meses atrás eran só o 11,37 %. Malia á evolución positiva dos datos de emprego do mes de abril, mellores ca antes da pandemia, Galicia segue sen regresar ás cifras anteriores á crise do 2008.

    04/05/2022.
    O peso da contratación indefinida en Galicia multiplicouse por catro grazas á reforma laboral

    O peso da contratación indefinida en Galicia multiplicouse por catro grazas á reforma laboral

    Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, o dato «máis preocupante» é que o desemprego se reduce en todos os sectores agás na industria, «que segue amosando problemas non só conxunturais, porque xa se manifestaban antes da pandemia e persisten».

    Isto revela que o tecido produtivo galego segue tendo eivas «que Feijóo non resolveu antes de dimitir das súas responsabilidades e cambiar Galicia por Madrid». Polo tanto, a corrección desta situación, xunto coa aprobación de medidas para axudar os galegos e galegas con máis dificultades, «deberán ser as tarefas prioritarias do próximo presidente da Xunta», sinala Bouza.

    Por último, a sindicalista lembra que os traballadores e traballadoras xa fixeron a seu achega durante a pandemia, «permanecendo en ERTE co 70 % do salario mentres as empresas se beneficiaban de bonificacións e axudas». Agora que xa se está a «dignificar» o emprego, «cómpre facer o mesmo cos salarios». Por esta razón, a secretaria de Emprego de CCOO insta as organizacións empresariais —que están a trasladar os incrementos de prezos aos seus produtos— a faceren tamén a súa achega, pois a clase traballadora perde poder adquisitivo día a día. 

    Análise dos datos

    Os datos publicados hoxe indican que o paro rexistrado baixou en abril en 2734 persoas (-1,78 %) en Galicia, mentres que no Estado se reduce nun -2,77 %. A afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra un crecemento de 8310 afiliados e afiliadas; con todo, se consideramos os datos da afiliación media mensual, esta medra en 5440 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior. 

    O desemprego redúcese tanto entre as mulleres (1749 desempregadas menos) como nos homes (985 desempregadas menos). Malia a baixada do desemprego feminino, seis de cada dez persoas paradas son mulleres, manténdose a fenda de xénero no emprego. 

    O desemprego diminúe no colectivo de menores de 25 anos (177 mozos e mozas desempregadas menos) e tamén entre as persoas maiores desa idade (2557 paradas maiores menos). 

    En Galicia había 150 602 persoas desempregadas ao remate do mes de abril, un 11,81 % menos ca no mesmo mes do ano anterior. Non obstante, a porcentaxe é inferior á rexistrada no conxunto do Estado, onde o desemprego cae un 22,71 % en termos anuais.

    A reforma laboral segue a impulsar a contratación indefinida en Galicia. No mes de abril fixéronse 64 296 contratos en Galicia (+32,36 %), aínda que a maior parte seguen a ser temporais (37 177 fronte a 27 179 indefinidos). Os datos evidencian que a temporalidade na contratación rexistrada se reduciu en 17 puntos nun ano, pasando de representar case o 89 % en abril do 2021 ao 58 % en abril do 2022.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 63 251 homes (985 menos que en marzo) e 87 351 mulleres (1749 menos). Seis de cada dez persoas paradas son mulleres. Atendendo ás idades, hai 6405 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (177 menos que en marzo) e 144 197 maiores desa idade (2557 menos).

    O paro diminúe en todos os sectores de actividade agás na industria: no primario hai 59 persoas desempregadas menos, 71 na construción e 2065 nos servizos. Na industria medra o desemprego en 42 persoas. No colectivo sen emprego anterior hai 41 271 persoas paradas menos.

    Análise da contratación

    En abril rexistráronse en Galicia 64 296 contratos, dos que 37 177 foron temporais e 27 179 indefinidos. Os contratos temporais supoñen o 57,82 % do total de contratos rexistrados. A contratación indefinida mantén a tendencia ascendente iniciada en xaneiro tras a entrada en vigor da reforma laboral, ao medrar un 32,36 %, mentres que a temporal cae un 25,13 %. O volume de contratos rexistrados en abril foi un 8,39 % inferior aos formalizados no mes de marzo.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 8310 persoas, ata situarse en 1 035 668 afiliados e afiliadas; rexistra un crecemento do 0,8 % respecto do mes anterior similar, mentres que no Estado sobe un 1,69 %.

    A afiliación media mensual medra en 5540 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 033 997. Deste total, 80 6283 corresponden ao réxime xeral, 207 945 ao de autónomos e 19 769 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia crece un 0,54 % e no Estado un 0,93 %.

    Prestacións por desemprego

    En marzo cobraron algún tipo de prestación por desemprego 85 612 persoas: 37 927 prestacións contributivas e 47 685 subsidios. Do total de prestacións contributivas por desemprego, 4957 corresponden a prestacións por ERTE covid.