Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO presentará esta semana a denuncia contra o alcalde de Ourense e insta a Alfonso Rueda a tomar medidas

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras presentará esta semana a denuncia contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, pola agresión que perpetrou o martes contra unha compañeira deste sindicato. Anunciouno este mediodía a secretaria xeral, Amelia Pérez, nunha conferencia de prensa na que numerosos dirixentes sindicais arrouparon a sindicalista agredida. Así mesmo, hoxe, ás 20 horas, haberá unha sentada na praza do Concello en repulsa polas constantes actitudes antidemocráticas do rexedor.

    04/05/2022.
    Numerosos dirixentes de CCOO arrouparon este mediodía en Ourense a compañeira agredida polo alcalde

    Numerosos dirixentes de CCOO arrouparon este mediodía en Ourense a compañeira agredida polo alcalde

    A primeira en tomar a palabra perante os medios de comunicación foi a secretaria xeral comarcal, Ana Barrios. «Condenamos enerxicamente a actuación violenta do alcalde de Ourense coa nosa compañeira Lola Panero. Absolutamente nada xustifica este comportamento violento», principiou.

    Barrios cualificou a Jácome de «auténtico provocador» e afirmou que o comportamento que exhibiu o martes foi «contra unha muller, sindicalista e de CCOO. Estou convencida de que se fose un home non se atrevería», afirmou.

    A secretaria xeral comarcal lamentou que a cidadanía de Ourense estea «en mans dunha persoa que non ten ningún tipo de control sobre o seu propio comportamento» e lembrou que o labor sindical que facía a compañeira agredida «está amparado tanto na Lei orgánica de liberdade sindical (LOLS) como na Constitución, polo que está vulnerando as dúas leis».

    A seguir interveu a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO. Amelia Pérez instou os partidos políticos de Ourense a actuar. «Xa non chega unicamente coas condenas, como fixeron onte todos os grupos políticos da corporación menos o de Jácome —Democracia Ourensana—», sinalou.

    En opinión da secretaria xeral, o PP, como socio que permite a continuidade de Jácome na Alcaldía, «ten que tomar unha decisión», e personalizouno no futuro novo responsable do partido. «O señor Rueda ten que tomar a primeira decisión do seu mandato: que vai facer na cidade de Ourense, se vai dar apoio ao señor Jácome para seguir sendo alcalde», exhortou Pérez.

    «Non nos podemos escudar nos xogos das maiorías e das minorías para perpetuar a situación», sinalou a dirixente sindical, apelando a un entendemento entre as forzas políticas. «Non se pode permitir que unha cidade estea continuamente nos medios de comunicación por este tipo de feitos», finalizou Pérez.

    Pola súa parte, o secretario xeral da Federación de Servizos á Cidadanía (FSC-CCOO), José Manuel Ramos, quixo centrar a súa intervención en defender o gran traballo realizado habitualmente por Lola Panero. Criticou o vídeo xustificativo realizado por Jácome, no que aproveitou para acusar a sindicalista de ser unha persoa «liberada, que non traballa», repasando o labor realizado por Panero en diferentes ámbitos. «É funcionaria e realiza o seu traballo sindical no eido estatal, como membro da executiva do sector da Administración Xeral do Estado, e tamén na provincia, como membro da executiva da Unión Intercomarcal de CCOO de Ourense. Tamén é membro do Consello e do Comité da miña Federación. É moi traballadora e moi recoñecida e respectada en Ourense», concluíu Ramos.