Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Tres meses sen atender as demandas das familias das vítimas do afundimento do pesqueiro Villa de Pitanxo

    CCOO reitera ao Goberno a necesidade dunha investigación profunda e cos recursos necesarios do naufraxio do Vila de Pitanxo, que se inspeccione o buque afundido —non consta informe técnico que o desaconselle— e se revisen as medidas adoptadas ante o afundimento do pesqueiro.

    15/05/2022.
    Familiares das vítimas do Villa de Pitanxo

    Familiares das vítimas do Villa de Pitanxo

    O que non se pon en dúbida é que o pesqueiro Villa de Pitanxo puxo rumbo ao mar de Terranova (Canadá) tras partir do porto de Marín o 26 de xaneiro e que o 15 de febreiro —sobre as 4:37— se recibía a alerta de radiobaliza que anuncia un probable afundimento en circunstancias aínda por esclarecer.

    Dunha tripulación de 24 persoas —unha delas, un biólogo contratado polo Instituto Español de Oceanografía—, só se consegue rescatar tres sobreviventes. Destes, un sostén versións opostas sobre as posibles causas do sinistro. 

    Irregularidades e denuncias

    Os familiares das vítimas transmítenlle a este sindicato que no accidente existiron irregularidades:

    • Incumprimento do protocolo covid, pois un dos tripulantes deu positivo cando convivira cos demais compañeiros nos traballos do buque previos á saída.
    • O buque fora despachado por 22 persoas e non por 24; o lugar onde durmían dous deles non estaba habilitado como camarote.
    • Antes do afundimento do buque, varios tripulantes enferman de covid, alguns deles son illados en pañois (compartimentos de almacenaxe).
    • Non sabemos se os enfermos foron atendidos polo centro radiomédico.
    • A tripulación non vestía o traxe de supervivencia, só o patrón e o seu sobriño. Nin o outro sobrevivente nin ningún dos cadáveres recuperados tiñan posto o equipamento de seguridade.
    • Os tempos de traballo e descanso non se respectaban.
    • Mentres outros buques de maior estabilidade e envergadura ca o Villa de Pitanxo se desprazaron a outra zona en vista dos informes meteorolóxicos emitidos de temporal, o patrón deste buque non o fixo.
    • O tempo de resposta —segundo o patrón— foi de 5 horas desde que emitiu a chamada de socorro e ata a chegada do primeiro pesqueiro (Novo Virxe da Barca )
    • O dispositivo de rescate finalizou de forma precipitada e con total falta de transparencia.

    A estas e outras cuestións que denuncian as familias, con total respecto da presunción de inocencia, débese dar resposta non só para esclarecer os feitos e depurar as responsabilidades, senón para determinar se os protocolos existentes e as inspeccións son as necesarias e efectivas para evitar a repetición deste tipo de accidente. O fiscal ve indicios dun total de 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores.

    Verdade e axuda para as familias

    Xunto coa atención que se debe prestar a calquera vítima dun accidente deste tipo, coidamos necesario que se activen os recursos previstos para dar cobertura e protección a Samuel Kwesi —mariñeiro sobrevivente de orixe ghanesa— e a todos os familiares dos pescadores. Deben concederse canto antes as prestacións e axudas públicas suficientes para que as familias máis necesitadas non teñan que vivir da caridade ou da solidariedade dos seus veciños.

    Baixar ao pecio afundido

    As familias veñen comunicando a este sindicato que a petición que fan de que se baixe ao pecio afundido para investigalo é factible técnica e legalmente. Ata agora, o Goberno non presentou ningún informe que decrete que esa inspección non é tecnicamente viable; parece que están gañando tempo para que pasen os meses máis favorable para actuar sobre o buque afundido en Terranova. Os expertos din que as operacións de inspección do Villa de Pitanxo deben ser no verán, que é o tempo idóneo para gravar e obter evidencias debido a que non hai grandes correntes neste período.

    As familias demandan a colaboración dalgún buque dos que dispón o Instituto Español Oceanográfico —que leva facendo campañas en Terranova desde hai máis de vinte anos— e que debe ser equipado cun robot para que obteña probas e datos para a investigación e para saber a verdade.

    Demasiadas mortes no mar

    CCOO denuncia tamén que «son xa demasiadas as mortes accidentais que se están producindo no mar», sen que as investigacións oficiais sirvan para reducir a súa incidencia nin para aplicar «melloras substanciais» nas condicións de traballo. «As mortes son noticia nos medios de comunicación no propio día, pero pasan ao esquecemento con notable rapidez e finalmente convértense nunha nota estatística máis».

    CCOO demanda ás autoridades políticas, xudiciais e empresariais que a investigación deste afundimento sexa áxil —xa van alá tres meses—, profesional e concluínte, de maneira que se poidan mellorar ou reforzar os protocolos e evitar novas traxedias. Nas últimas décadas producíronse múltiples sinistros nas costas galegas ou de barcos de Galicia noutras partes do mundo, pero hai que retrotraerse a xaneiro de 1978 para atopar unha cifra similar de vítimas, co naufraxio do buque conxelador 'Marbel' nas Illas Cíes, onde houbo 27 falecidos.