Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO esixe unha actuación «contundente» da Xunta ante o escándalo da residencia de Pazos de Borbén

    Comisións Obreiras (CCOO) esixe unha actuación «contundente» da Xunta de Galicia ante o escándalo da residencia da terceira idade Mi Casa do concello pontevedrés de Pazos de Borbén, na comarca de Vigo, onde as familias denuncian falta de hixiene e coidados. O sindicato leva anos esixíndolle á Consellaría de Política Social que reforce o labor de inspección nas residencias ante as «graves carencias» detectadas en moitos centros, sobre todo nos momentos máis duros da pandemia.

    18/05/2022.
    Residencia 'Mi Casa', en Pazos de Borbén

    Residencia 'Mi Casa', en Pazos de Borbén

    Para CCOO, un servizo público tan sensible como é o coidado das persoas maiores «non pode estar en mans privadas sen que ninguén controle axeitadamente como se presta». Á luz das imaxes publicadas en varios medios de comunicación, «é evidente que algo está fallando» e reivindica o dereito a «unha vellez digna e con coidados de calidade».

    CCOO lembra que Mi Casa é «reincidente» á hora de incumprir aspectos «esenciais» da normativa que regula as residencias. Por esta razón, e malia que formalmente aínda está no prazo legal para corrixir as eivas detectadas na última inspección, o sindicato agarda que a actuación da Xunta sexa «contundente e exemplar».