Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO denuncia a falta de vontade política para descender ao pecio do 'Villa de Pitanxo'

    Ao tempo que o Goberno de España escatima medios técnicos e se nega a recibir as familias das vítimas, o Instituto Español de Oceanografía emprenderá unha expedición para investigar durante tres meses en augas de Terranova

    05/06/2022.
    Familias Vítimas Vila Pitanxo no porto de Vigo

    Familias Vítimas Vila Pitanxo no porto de Vigo

    CCOO de Galicia denuncia a falta de vontade política para descender ao pecio do Villa de Pitanxo, afundido hai máis de tres meses en augas de Terranova (Canadá). O sindicato defende a importancia desta actuación porque pode ofrecer información fundamental para a investigación das causas da maior traxedia na pesca galega no último medio século (nove mortos e doce desaparecidos).

    O buque 'Vizconde de Eza' vai para Terranova

    Ao tempo que o Goberno de España escatima medios técnicos e se nega a recibir as familias das vítimas para explicarlles a situación, o Instituto Español de Oceanografía emprenderá este domingo, 5 de xuño, unha expedición no buque Vizconde de Eza, con fins de investigación nas mesmas augas onde afundiu o pesqueiro con base en Marín. En colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas e co Instituto Português do Mar e da Atmosfera, a entidade oceanográfica estará tres meses en Terranova, do que se desprende un importante investimento en medios técnicos, humanos e loxísticos que tamén se poderían aproveitar para unha incursión ao pecio do Villa de Pitanxo.

    O buque oceanográfico B/O Vizconde de Eza, construído para a antiga Secretaría Xeral do Mar (actual Secretaría Xeral de Pesca), é unha aposta do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para analizar e avaliar o estado dos mares e está especializado na procura de novos caladoiros en augas profundas, aínda que realiza en termos xerais campañas de investigación. Polas súas características, o Vizconde de Eza, de 53 metros de eslora e 13 de manga, é un dos buques de investigación pesqueira e oceanográfica máis sofisticados do mundo. O seu sistema de posicionamento dinámico é único en España e permítelle ficar nun punto sen variar a súa posición, compensando as condicións adversas de ondada, correntes ou vento. Co seu casco reforzado na proa pode traballar entre xeos flotantes. Ademais, pode realizar levantamentos de fondos de ata 5000 metros de profundidade. O buque dispón dun vehículo de operación remota submarina (ROV) para gravar imaxes e tomar datos oceanográficos (datos oficiais do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente).

    Apoio ás familias das vítimas

    CCOO, que desde o primeiro momento se puxo a disposición das familias das vítimas, lamenta que o Goberno central amose tal falta de empatía. Tamén lle reprocha as constantes escusas para non atender unha reivindicación que, amais de lexítima, pode ser crucial para evitar que unha nova traxedia desta dimensión cobre máis vidas de traballadores do mar. Non podemos entender que desprace un buque destas características nunha expedición de tres meses á zona onde afundiu o Villa de Pitanxo e que non se planificase unha inspección no pecio do barco sinistrado. 

    Comisións Obreiras seguirá traballando —en comunicación constante coas familias— para esclarecer a verdade e chegará á Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) —entidade adscrita ao Ministerio de Transportes— para que teña en conta todos os aspectos que puideran incidir neste sinistro. As autoridades non poden vir enterrar os mortos e ofrecerlles ás familias todo o seu apoio e non mostrar agora o mínimo interese en investigar con todos os medios o motivo do accidente. Se non se fai ou, polo menos, se intenta, unha inspección do pecio, o suceso non poderá esclarecerse con todas as garantías. 

    + información: