Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

A atención primaria resolve o 90% dos problemas de saúde

    É a parte do sistema sanitario con menos recursos

    09/06/2022.
    CCOO, en defensa da sanidade pública

    CCOO, en defensa da sanidade pública

    A Federación de Sanidade de CCOO sinala que a atención primaria se atopa nunha situación «límite» en todo o Estado e que cómpre tomar medidas urxentes para garantir a universalidade, calidade e accesibilidade. O sindicato lembra que, malia ser a responsable de solucionar o 90% dos problemas de saúde, é a parte do sistema con menos recursos.

    CCOO-Sanidade pon de relevo que as distintas Administracións sanitarias, malia o comprometido, non están aprobando as medidas necesarias para corrixir a situación O sindicato calcula que en toda España se precisan 8000 profesionais da medicina, 15.000 da enfermaría e 10.000 administrativos/as.

    Así mesmo, CCOO esixe un axeitado financiamento para a atención primaria, de xeito que represente polo menos o 25% do gasto sanitario público. Este, á súa vez, debería representar o 7,5% do PIB.

    Outras medidas

    Para unha maior transparencia, CCOO-Sanidade pide que se publiquen periodicamente as demoras na atención primaria en medicina de familia, pediatría e enfermaría (desagregando entre consultas presenciais e telefónicas); que se garanta unha atención non urxente en menos de 48 horas, conforme se pactou no 2019; que se asegure a atención presencial naqueles casos en que así se solicite; aumento das prazas nas convocatorias de formación sanitaria especializada naquelas prazas MIR e EIR relacionadas coa atención primaria; implementar a categoría de enfermaría familiar e comunitaria; instar as administracións sanitarias a desenvolver a orientación comunitaria nos centros de saúde.