Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO aproba o informe da secretaria xeral, que avanza mobilizacións para revalorizar os salarios

    Este xoves tivo lugar a primeira reunión deste ano do Consello Nacional de CCOO. A xuntanza comezou cun minuto de silencio polas dúas vítimas mortais producidas onte no buque conxelador vigués Albacora Cuatro. A secretaria xeral, Amelia Pérez, lamentou a elevada sinistralidade laboral que se está rexistrando este ano, especialmente no sector do mar. “Aínda temos moi presentes as vítimas do Villa de Pitanxo”, sinalou a dirixente sindical, quen tamén lembrou o recente accidente nas obras de preparación do festival O Son do Camiño, neste caso con dous feridos graves.

    16/06/2022.
    Intervención de Amelia Pérez na exposición do informe xeral

    Intervención de Amelia Pérez na exposición do informe xeral

    Na exposición do informe xeral, Amelia Pérez amosou a súa preocupación polos efectos da elevada inflación e da descontrolada suba do prezo dos combustibles e da electricidade na clase traballadora, que lastran a recuperación económica que se albiscaba coa saída da pandemia.

    A situación, se non se toman as medidas axeitadas, aumentará as desigualdades sociais e empobrecerá cada vez máis persoas. Por esta razón, “a fotografía da desigualdade e da pobreza ten que ser un eixe prioritario da nosa actuación”, sinalou Amelia Pérez.

    “Salario ou conflito”

    Neste contexto, o Goberno do Estado formula a necesidade dun pacto de rendas para afrontar a conxuntura. Para CCOO, este pacto ten que falar de salarios, de control de beneficios das eléctricas, da repartición de dividendos e, por suposto, de fiscalidade.

    Porén, “a posición intransixente da patronal” e a “inacción” do Executivo central levan a que, mediado xuño, aínda non haxa acordos. CCOO non vai tolerar que a crise a paguen os máis débiles. “Salario ou conflito”, resume o lema das mobilizacións que emprenderá o sindicato.

    Reforma laboral

    A secretaria xeral tamén aplaudiu os efectos positivos da reforma laboral. “Os datos dannos a razón e retratan aqueles sindicatos de clase e organizacións políticas que se din de esquerdas e a tentaron torpedear”, reprochou. Os datos de maio ilustran ás claras estes efectos. Ese mes rexistráronse en Galicia 69.557 contratos. Deste total, 26.407 foron indefinidos, unha porcentaxe do 38 %, mentres que un ano atrás estaba no 10 %.

    Hai que salientar, non obstante, que a porcentaxe de contratos indefinidos rexistrados no mes de maio en Galicia está 10 puntos por baixo da rexistrada no conxunto do Estado, onde o 44,5 % dos contratos asinados eran indefinidos.

    Preocupación pola extrema dereita

    O informe defendido por Amelia Pérez tamén amosa a súa preocupación polo avance da extrema dereita que evidencian distintas enquisas, espoleada por un PP “que pacta sen escrúpulos cos herdeiros do franquismo, cos que non respectan os principios básicos da nosa Constitución”. Neste contexto, a sindicalista lamentou que o PP rexeite aplicar cordóns sanitarios respecto da extrema dereita e apelou a reacción de Francia para afastar do poder as forzas totalitarias.

    A herdanza de Feijóo

    A secretaria xeral de CCOO tamén avaliou o paso de Alberto Núñez Feijóo -agora presidente do PP estatal- pola Xunta de Galicia. “A herdanza dos trece anos do Goberno de Feijóo é un país máis desindustrializado, máis despoboado e avellentado e cos servizos públicos minguados por completo”.

    Esta mesma semana produciuse a primeira reunión co seu substituto, Alfonso Rueda, a quen se lle esixiron medidas para paliar a difícil situación das familias debido á desbocada inflación. “Non esperamos cambios substanciais nesta nova etapa”, sinalou a secretaria xeral, se ben agardou que o novo presidente “desbote a táctica de culpar os demais cando é incapaz de resolver os problemas”.