Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

«A Porta do Inferno»

Presentado en Vigo o libro sobre o campo de concentración de Camposancos

    O museo MARCO de Vigo acolleu o sábado o acto de presentación do libro A Porta do Inferno. Esta obra, da autoría de José Antonio Uris e Víctor Santidrián e editada pola Fundación 10 de Marzo de CCOO, divulga a historia que rodeou o campo de concentración de Camposancos, no concello da Guarda.

    21/06/2022.
    Acto de presentación do libro 'A Porta do Inferno'

    Acto de presentación do libro 'A Porta do Inferno'

    A presentación do libro contou coa colaboración da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e a Fosa Común de Sestás, entidade impulsada por diversas organizacións, entre elas CCOO.

    De colexio a campo de concentración

    A Porta do Inferno describe como o antigo colexio dos xesuítas, tras ser abandonado polos relixiosos en 1932, foi convertido nun dos meirandes campos de concentración do franquismo. Estas instalacións, previstas para menos de mil presos, acabaron dando cabida a cinco veces máis.

    Entre 1936 e 1941 foise enchendo de prisioneiros, mormente da fronte de Asturias —que caera no outono de 1937—, amoreados no campo de concentración en condicións tan penosas que lle valeu o alcume da Porta do Inferno.

    No ano 1938 fixéronse consellos de guerra que sentenciaron a morte 225 persoas, das cales acabarían sendo executadas a maior parte (171), tanto no propio Camposancos como noutras localidades galegas. Con todo, moitas máis morreron paseadas ou por mor de doenzas contraídas polas insalubres condicións.

    Homenaxe anual ás vítimas

    No muro do campo, detrás do antigo cemiterio de Sestás, hai unha foxa común onde están soterradas 49 vítimas, orixinarias de Galicia, Asturias, Castela e León, País Vasco, Cantabria, Cataluña e País Valenciano. Cada ano, CCOO réndelles homenaxe en recoñecemento á vida que perderon loitando polos ideais dunha República, da liberdade e da democracia.