Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Abril 2024.

CCOO reclama políticas «valentes» contra a desindustrialización de Galicia e medidas contra a crise

    Esta mañá reuníronse unha representación da Comisión Executiva Nacional de CCOO de Galicia e do PSdeG-PSOE para analizar a situación social e económica do país. Nesta xuntanza, o sindicato amosou a súa preocupación pola desindustrialización de Galicia e polos efectos da inflación sobre a clase traballadora.

    27/06/2022.
    Reunión das executivas nacionais do S. N. de CCOO de Galicia e do PSdeG-PSOE | Foto: PSdeG

    Reunión das executivas nacionais do S. N. de CCOO de Galicia e do PSdeG-PSOE | Foto: PSdeG

    A delegación de CCOO estivo formada pola súa secretaria xeral, Amelia Pérez Álvarez, a secretaria de Emprego, Maica Bouza, o secretario de Cambio de Modelo Produtivo, Francisco Méndez, e o secretario de Institucional, Xesús Castro.

    Por parte do PSdeG participaron o secretario xeral, Valentín González Formoso, o secretario de Organización, José Manuel Lage, o secretario de Política Económica, Xoaquín F. Leiceaga, a secretaria de Igualdade, Silvia Fraga, a secretaria de Emprendemento, Mónica Rodríguez e o secretario de Función Pública, Rafael Cotelo.

    Frear a desindustrialización

    En materia industrial, CCOO reclamou políticas «valentes» para frear a desindustrialización de Galicia. Para isto, apelou a aproveitar as oportunidades que se abren no marco da transición enerxética e ecolóxica, principalmente no sector eólico.

    No capítulo de infraestruturas, CCOO pediu celeridade na reconstrución do treito derrubado do viaduto da autovía A-6 na provincia de Lugo. Trátase dunha infraestrutura «vital» para as conexións de Galicia e para a cal non hai actualmente unha alternativa viable.

    En declaracións aos medios de comunicación, a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, amosou a súa preocupación polos efectos da inflación e duns prezos «desbocados» que fan que milleiros de familias non cheguen a fin de mes.

    Neste contexto, a dirixente sindical sinalou que as medidas recentemente anunciadas polo Goberno central «van na boa dirección», nomeadamente a intervención sobre os beneficios das empresas eléctricas, que era xa unha reivindicación de CCOO.

    «Agora falta, tamén, que a Xunta de Galicia aprobe tamén medidas ao abeiro das súas competencias, xa que a situación é previsible que se agrave á volta do verán», sinalou Pérez.

    Situación dos servizos públicos

    Na reunión coa executiva socialista, CCOO tamén se referiu á «preocupante» situación da sanidade e do ensino públicos, do sistema de atención á dependencia e das residencias da terceira idade. Por esta razón, o sindicato xa instou a Xunta a que a política social forme parte do diálogo social.

    Por último, Amelia Pérez salientou a importancia de que os sindicatos e os partidos políticos manteñan reunións «en clave de país» para poñer en común o seu diagnóstico da situación e procurar «solucións para os problemas que afectan aos galegos e ás galegas».