Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

O acordo por unanimidade dos grupos parlamentarios acerca do fondo do amianto é unha boa noticia para sindicatos e asociacións de vítimas

    Para os sindicatos CCOO e UGT, así como para a asociación de vítimas FEDAVICA, as emendas aprobadas no relatorio da proposición de Lei de creación do fondo de compensación das vítimas do amianto respectan no substancial a iniciativa presentada polo Parlamento vasco, aínda que quedan pendentes de desenvolver algunhas cuestións claves para garantir a súa eficacia ás persoas afectadas.

    30/06/2022.
    Concentración diante de Navantia-Ferrol para esixir un fondo de compensación ás vítimas do amianto

    Concentración diante de Navantia-Ferrol para esixir un fondo de compensación ás vítimas do amianto

    O relatorio da proposición de Lei de creación dun fondo de compensación das vítimas do amianto no Congreso dos Deputados aprobou —por unanimidade de todos os grupos parlamentarios— o contido das emendas ao texto legal. O trámite continuará o 11 de xullo na reunión da Comisión Parlamentaria de Traballo, Inclusión, Seguridade Social e Migracións, tras o cal pasará ao Senado para a súa aprobación definitiva e posterior publicación no BOE.

    Os principais elementos da actual configuración da futura lei son:

    — O fondo depende organicamente do Instituto Nacional da Seguridade Social.

    — A comisión de seguimento do fondo está adscrita ao Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, con participación de axentes sociais, asociacións de vítimas e expertos.

    — Dáse cobertura a exposicións laborais, ambientais e domésticas.

    — O financiamento corre a conta dos orzamentos xerais do Estado, das indemnizacións xudiciais obtidas a partir da subrogación do dereito a litigar a favor do fondo por parte das persoas afectadas e das sancións a empresas en activo por falta de medidas preventivas en casos de exposición a amianto.

    — Desenvolvemento regulamentario en tres meses a partir da publicación da lei.

    A xuízo dos sindicatos e da asociación de vítimas, este acordo é unha boa noticia. Con todo, advirten de que quedan por desenvolver algúns elementos de vital importancia para completar un instrumento realmente útil para as persoas afectadas por este canceríxeno.

    O primeiro deles é o establecemento dunha exención de tributación polas indemnizacións previstas no fondo —na liña da articulada no Real decreto lei 9/1993, polo que se conceden axudas aos afectados do IVH como consecuencia de actuacións realizadas no sistema sanitario público—. De non ser así, as indemnizacións poderíanse ver substancialmente reducidas ao ser incluídas no cálculo para o IRPF.

    E o segundo elemento é a determinación das contías das indemnizacións, cuestión que queda pendente do desenvolvemento regulamentario. A xuízo de CCOO, UGT e FEDAVICA, esta é a cuestión clave para que o fondo sexa realmente operativo para as vítimas e se converta nunha alternativa real á vía xudicial. Por esta razón, as tres organizacións iniciarán xestións co Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para tentar garantir unhas contías dignas para as persoas afectadas.