Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

CCOO reclámalle á Xunta medidas para que a mellora conxuntural do emprego se manteña á volta do verán

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) reclámalle á Xunta medidas para que a mellora conxuntural do emprego se manteña á volta do verán. Así o afirma o sindicato na valoración dos datos do paro rexistrado do mes de xuño, coñecidos hoxe. As cifras oficiais tamén constatan que, un mes máis, Galicia continúa beneficiándose da reforma laboral pactada por CCOO no ámbito estatal, cunha suba histórica da contratación indefinida: actualmente, o 63 % dos contratos rexistrados son indefinidos, cando hai un ano andaban polo 10 %.

    04/07/2022.
    A contratación indefinida sobe en Galicia grazas á reforma laboral

    A contratación indefinida sobe en Galicia grazas á reforma laboral

    A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, insta o Goberno galego a «facer canto estea na súa man» para esta consolidación, pero tamén para «corrixir os problemas» que revelan tanto os datos do paro rexistrado como outros indicadores. Por exemplo, «a fenda de xénero que padecen as traballadoras galegas», as máis prexudicadas polo desemprego, pero tamén polos baixos salarios ou a primacía na modalidade de contratación temporal e a tempo parcial.

    Por outra parte, os datos positivos de hoxe «non poden facernos esquecer que en Galicia temos sectores produtivos, especialmente industriais, que arrastran problemas estruturais sen resolver, así como sectores especialmente expostos á inflación e aos altos prezos da enerxía», advirte a sindicalista.

    Análise dos datos

    Os datos coñecidos hoxe indican que o paro rexistrado baixou en Galicia en 5188 persoas no mes de xuño (-3,55 %), mentres que no Estado o fixo un -1,45 %. A afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra un aumento de +1559 afiliados e afiliadas; con todo, considerando os datos da afiliación media mensual, esta medra en +7775 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior.

    O desemprego redúcese tanto entre as mulleres (2763 desempregadas menos) como nos homes (-2425). Pese á redución do desemprego feminino, seis de cada dez persoas paradas son mulleres, polo que se mantén a fenda de xénero no emprego. Por idades, o desemprego diminúe no colectivo de menores de 25 anos (126 mozos e mozas desempregadas menos) e tamén entre as persoas maiores desa idade (-5062).

    En Galicia había 140 932 persoas desempregadas ao remate do mes de xuño, un 10,64 % menos ca no mesmo mes do ano anterior. Esta porcentaxe é menor á rexistrada no conxunto do Estado (-20,30 %).

    Análise da contratación

    No mes de xuño fixéronse 80 342 contratos en Galicia. A contratación indefinida medra un 12,83 % no último mes, aínda que a maior parte dos contratos seguen a ser temporais (50 547 temporais por 29 795 indefinidos); de feito, a contratación a temporal medra un 17 %. Cabe sinalar tamén que o volume de contratos rexistrados en xuño foi superior nun 16 % aos formalizados no mes de maio.

    Doutra banda, os datos publicados hoxe evidencian que, nun ano, a temporalidade na contratación rexistrada reduciuse en 28 puntos, pasando de supoñer o 90 % do total en xuño de 2021 ao 63 % en xuño de 2022, un cambio que foi posible grazas á reforma laboral.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 58 601 homes (2425 menos que en marzo) e 82 331 mulleres (-2763), isto é, seis de cada dez persoas paradas son mulleres. Atendendo ás idades, hai 5650 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (126 menos que en marzo) e 135 282 maiores desa idade (5062 menos).

    O paro diminúe en todos os sectores de actividade, aínda que o 70,79 % da redución do desemprego se debe ao sector servizos. No sector primario hai 337 persoas desempregadas menos, 814 na industria, 297 na construción e 3673 nos servizos. No colectivo sen emprego anterior hai 67 persoas paradas menos.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 1559 persoas, ata situarse en 1 041 093 afiliados e afiliadas; rexistra un crecemento do 0,1 % respecto do mes anterior, mentres que no Estado a afiliación diminúe un 0,1 %.

    A afiliación media mensual medra en 7775 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 048 523. Deste total, 820 501 corresponden ao réxime xeral, 208 427 ao de autónomos e 19 595 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia medra un 0,75 % por un 0,57 % no Estado.

    Prestacións por desemprego

    En maio, 81 838 persoas cobraron algún tipo de prestación por desemprego: 35 735 prestacións contributivas e 46 103 subsidios.

    En relación cos ERTE do mes de xuño, este mecanismo daba cobertura a 11 890 persoas a final do mes, das cales 1044 estaban en ERTE ETOP, 39 en ERTE de forza maior e 106 no mecanismo Rede sectorial de axencias de viaxes. Do total de persoas afectadas, 759 son homes e 430 mulleres.