Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO e UGT advírtenlles ás patronais que haberá conflito se non soben os salarios

    Comisións Obreiras e UGT convocaron esta mañá concentracións diante das sedes das patronais na Coruña e Vigo para esixir a revalorización dos salarios para protexer o poder adquisitivo da clase traballadora. A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, participou na protesta da cidade olívica.

    06/07/2022.

    URL | Código para insertar

    Os sindicatos denuncian que as empresas seguen repercutindo a suba do IPC aos prezos dos seus produtos, cargando todo o peso da inflación na cidadanía e aproveitando a alza para elevar tamén a marxe de beneficio.

    A inflación avanzada do mes de xuño déixanos unha suba do 1,8 %, e coloca a alza dos prezos nun 10,2 % interanual e a inflación subxacente nun 5,5 %. Ante esta situación, UGT e CCOO defenden a mobilización para conseguir que os convenios garantan o poder adquisitivo dos salarios, tanto con subas como con cláusula de revisión se o IPC real supera as previsións.

    Se non hai avances en materia salarial e o empresariado persiste na súa «cerrazón e avaricia», os sindicatos advírtenlles ás patronais que «haberá conflito» nas empresas e nos distintos sectores da economía.

    Doutra banda, desde CCOO e UGT esixen medidas para conter os prezos, de forma especial os dos produtos de consumo básicos, e abordar políticas centrais redistributivas, como a fiscalidade, desde a negociación e o acordo no ámbito do diálogo social. As medidas adoptadas polo Goberno do Estado avanzan na dirección correcta, pero non abondan.