Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Abril 2024.

CCOO chama a mobilizarse a tres millóns de empregadas e empregados públicos

    07/07/2022.
    Cómpre recuperar todos os dereitos laborais e salariais no sector público

    Cómpre recuperar todos os dereitos laborais e salariais no sector público

    A Área Pública de CCOO ten en marcha unha campaña pola defensa dos salarios e condicións de traballo de ao redor de tres millóns de empregadas e empregados do sector público. Ante a falta de diálogo coa Administración, vaise intensificar cun proceso de mobilización a partir do vindeiro 14 de xullo, cando terá lugar unha concentración no Congreso dos Deputados, cadrando co debate de política xeral.

    CCOO lamenta a falta de resposta do Goberno ante as peticións, máis aínda nun contexto de inflación. Por esta razón, o sindicato «pasa á ofensiva» a prol dun novo acordo salarial e de condicións de traballo que garanta o poder adquisitivo, recupere dereitos recortados en anteriores crises e avance na mellora substancial da normativa e as condicións de traballo no sector público.

    As empregadas e empregados públicos demostraron unha vez máis nesta crise sanitaria a profesionalidade e entrega no seu labor como servidores públicos. Desde a Área Pública de CCOO non se vai permitir a constante perda de poder adquisitivo –como expoñente máximo basta lembrar os 14 anos sen actualización dos salarios para o persoal do Servizo Exterior–, e esíxese de inmediato un pacto polo mantemento do poder adquisitivo dos salarios.

    CCOO lembra que hai tamén outras materias pendentes de negociación, entre as que destacan o desenvolvemento e actualización tanto do EBEP como do Estatuto Marco; a Lei de Función Pública da Administración Xeral do Estado; cambios normativos en materia de igualdade así como a carreira, promoción e clasificación profesional; xornada de 35 horas; desbloqueo da taxa de reposición e plan de emprego para o rexuvenecemento dos cadros de persoal; xubilación anticipada e parcial; dixitalización e modernización das Administracións públicas; recoñecemento do sector público empresarial; etc.