Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO quere realidades sobre o Estatuto básico de bombeiros forestais, e non promesas do presidente Sánchez

    CCOO, UGT e CSIF non se deterán ata que o proxecto de lei para Estatuto básico de bombeiros forestais vexa a luz na presente lexislatura. O Goberno da Xunta de Galicia non pode seguir manténdose á marxe desta regulación.

    18/07/2022.
    Traballadores de extinción de incendios

    Traballadores de extinción de incendios

    Na batería de propostas que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou durante o debate do estado da nación, indicou: «redobraremos os nosos compromisos con máis recursos para previr e loitar contra os incendios e, nese sentido, anúnciolles que aprobaremos un novo marco regulador estatal básico para o persoal da prevención e extinción de incendios, en colaboración con todas as Administracións públicas implicadas, que nos permita ser máis eficaces na loita contra os incendios». Desta maneira darán cumprimento ao acordo de goberno que se asinou en decembro de 2019 con Unidas Podemos, no que se recollía a elaboración dun proxecto de lei para Estatuto básico de bombeiros forestais.

    A inacción da Secretaría de Medio Ambiente, con Hugo Morán á fronte, en colaboración coa negativa dalgunhas comunidades autónomas a desenvolver o texto, parece que chegou ao seu fin. O compromiso do presidente parece claro, polo que instamos a que o borrador do proxecto sexa presentado á mesa onde estamos as organizacións sindicais CCOO, UGT e CSIF xunto ás comunidades autónomas implicadas, para a súa revisión e acordo, xa que non cederemos ante un marco que sexa xeneralista ou baleiro de contido regulador da profesión de bombeira e bombeiro forestal, ou que sexa insuficiente para acabar coa falta de coordinación entre comunidades autónomas, as diferenzas entre dispositivos, a disparidade e, sobre todo, a precariedade que sofre o colectivo no territorio nacional.

    Desde a unidade que conformamos CCOO, UGT e CSIF, non imos desmobilizar ningunha das accións e o traballo que teñamos que facer, ata vermos que ese borrador se lle pasa ao Consello de Ministros e se presenta no Congreso dos Deputados para que vexa a luz na presente lexislatura.